facebook
 
     
InicioObxectivosAmbitos de actuaciónAcciónsActosActos: HemerotecaPublicaciónsNovasNovas: HemerotecaGaleria fotografica  
Faro de Vigo - O día do orgullo dos xuristas galegos
04/07/2011
Maxistrados, xuíces, fiscais, abogados do estado... Ata 22 novos xuristas comprométense públicamente no Pazo Provincial ó emprego e á difusión da lingua galega como novos membros da Irmandade Xurídica Galega
"Hoxe é o día do orgullo dos xuristas galegos". O presidente da Irmandade Xurídica Galega, Xaquín Monteagudo, resumiu así un acto "de liberdade, democrático e unha manifestación clara do pluralismo" no que 22 maxistrados, xuíces, fiscais, abogados do Estado e en xeral profesionais ligados ao Dereito comprometeronse ao emprego do galego nas súas actividades profesionais. O encontro solemne, que presidiu o fiscal superior de Galicia, Carlos Varela, foi tamén unha homenaxe ao xurista Santiago Torres Bernárdez, ex secretario xeral do Tribunal Internacional de Xustiza da Haia.

Alba Arizado, María Casas, Consuela Castro, Xose Manuel Covas, Xesús Costas Abreu, Andrés Dapena, Vanesa Fernández, Nicolás Fernández, Antonio López, Xulio López Valcárcel, Xaime Lugilde, Daniel Macenlle, Alba Nogueira, Xesús Palmou Lorenzo, Celia Pereira, Benigno Sánchez, Xosé Manuel Tato, Santiago Lorenzo Vila, Xermán Varela Castejón, Simón Vázquez, Rosa Vila e Ana María Villar. Son profesionais de diversos puntos da xeografía do país vinculados ó Dereito (á xudicatura pero tamén á inspección laboral ou á policía) que onte protagonizaron en Pontevedra unha cerimonia simbólica: un compromiso público da defensa firme do galego como lingua xurídica "máis alá de posicións partidistas e demagóxicas", sinalou o presidente da Irmandade Xurídica Galega, Xaquín Monteagudo.
Éste foi o anfitrión da cerimonia que se celebrou no salón nobre do Pazo Provincial para a recepción dos novos "irmandiños".

Un a un, maxistrados, xuíces, abogados do estado, fiscais etc foron subindo ó estrado para recoller o seu diploma e facer público o seu compromiso de empregar e defender "o uso da lingua galega na miña actividade profesional, consonte o obxectivo fundacional da Irmandade Xurídica Galega, no marco da Constitución e do Estatuto de Autonomía e con pleno respecto polos dereitos dos cidadáns".

Uns 40 membros da Irmandade Xurídica (Inxuga) ocuparon os escanos e foron testemuñas da cerimonia, que presidiu o fiscal superior de Galicia, Carlos Varela García e convocou a profesionais do Dereito das catro provincias.
Entre eles, nomes coñecidos do Dereito galego como Luciano Varela ou Xosé Xoán Barreiro pero tamén da política como o alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, a diputada provincial Begoña Estévez ou o responsable de Normalización Lingüística, Anxo Lorenzo.

Tamén Maricha Bouza Brey, filla de Fermín Bouza Brey, o xurista ao que homemaxea nesta cuarta asamblea a Irmandade Xurídica Galega.

Rematada a imposición das insignias ós novos membros, o fiscal superior de Galicia e "irmandiño maior" foi o encargado de presentar ao xurista Santiago Torres Bernárdez, homenaxeado neste 2011 pola Inxuga, un profesional nado en Vigo en 1929, exsecretario da comisión xurídica da Asemblea Xeral da ONU e exsecretario xeral do Tribunal Internacional de Xustiza da Haia, cargo que ocupou entre 1980 e 1986.

Carlos Varela lembrou que con só 7 anos Santiago Torres Bernárdez "vese privado do seu pai Apolinar Torres, de profesión mestre, que foi fusilado en agosto de 1936 cando contaba con 41 anos e era presidente da Agrupación de Vigo do Partido Socialista". En adiante, explicou a biografía dun xurista que pasou a súa mocidade no País Vasco, algo que no o desviculou das súas orixes, e que tras estudiar en diversas universidades instálase en 1959 para comezar a súa carreira como xurista das Nacións Unidas.

Secretario da Comisión de Dereito Internacional en Xenebra, das conferencias de Codificación do Derito Internacioal celebradas en Viana; ademáis dos xa citados cargos na ONU e no Tribunal da Haia e de ser nomeado xuíz "ad hoc" de dito tribunal en diversos contenciosos Santiago Torres é, en palabras do fiscal superior de Galicia, "un xurista universal" que foi quen de harmonizar "a dicotomía cultura propia/ cultura universal como un símbolo de verificación na propia vida do lema Galicia, célula de universalidade".

Tamén o Colexio de Avogados de Vigo se sumou á homenaxe a este diplomático "que sempre tivo presente a defensa de Galicia e da súa galegidade", engadiu Carlos Varela.

Pola súa banda, o homenaxeado repasou a súa carreira como especialista en Dereito Internacional e falou de casos coma o do Estai (explicou que o apoio francófono e angosaxón fora "decisivo" na decisión da Corte) antes de que unha longa ovación rubricase o recoñecemento a un xurista que tras dunha vida fóra ("me robaron el derecho a ser educado en mi lengua", lamentou na súa intervención) defínese como "psicolóxicamente galego".


ARQUIVOS ADXUNTOS