facebook
 
     
InicioObxectivosAmbitos de actuaciónAcciónsActosActos: HemerotecaPublicaciónsNovasNovas: HemerotecaGaleria fotografica  
Faro de Vigo - Codeseda Viva, Mario Franco e Carme Pérez, Premios San Martiño de Normalización
26/10/2017
Os galardóns, que convoca O Brado, cumpren a súa vixésimo sétima edición e serán entregados o 15 de novembro
Carme Pérez

A Asociación Cultural O Brado da Estrada dou a coñecer onte os gañadores da 27ª edición dos Premios San Martiño de Normalización, que recoñecen o labor de persoas e entidades que traballan a prol da lingua galega. Os galardoados deste ano son a Asociación Codeseda Viva, na modalidade de A Estrada e comarca de Tabeirós-Terra de Montes; a funcionaria natural de Tomiño Carme Pérez Vaquero, na categoría de Galicia Enteira; e o escritor Mario Franco Rodríguez, que distinguido co premio a toda unha vida de defensa do idioma.


A entrega dos galardóns será o 14 de novembro ás 20.30 horas no Teatro Principal de A Estrada. O fallo desta nova edición dos premios San Martiño produciuse o pasado martes. O xurado encargado de elixir aos galardoados estivo integrado por: Lourdes Dono, Mónica Arca, Juan Constenla, Iván Sanmartín, Luis Ferro, Carlos Andújar e Kike Vázquez.


A Asociación Codeseda Viva botou a andar no ano 2000 coa creación da páxina web 'Codeseda.com' e constituiuse formalmente como asociación en 2011. O colectivo realiza un labor de recompilación de documentos antigos, fotografía e datos históricos. Actualmente, está inmersa no traballo de homologación da Ruta de Sendeirismo PRG-197, unha tarefa que está a piques de verse materializada. De xeito paralelo, a asociación tamén traballa na actualidade no proceso de documentación do camiño da Geira Romana e dos Arrieiros, que parte de Braga e remata en Santiago de Compostela logo de pasar pola parroquia de Codeseda. A súa pretensión é que sexa recoñecido polas autoridades como Camiño Cultural Preferente e logo como Camiño Xacobeo.


Mario Franco Rodríguez, nado en Santiago de Compostela e residente na actualidade na parroquia estradense de Rubín, empezou a escribir en 2004. A súa primeira novela publicada foi "Terranova-Memorias dun mariñeiro". A obra está baseada nas súas experiencias como tripulante dun buque bacallaeiro. Gañou durante dúas edicións consecutivas o premio Avilés de Taramancos coas obras "A derradeira campaña do capitán Samuel" e "A capela maldita". Franco, de 83 anos, asegura escribir sempre en lingua galega, idioma que tamén empregou na emigración. Froito das súas vivencias en Venezuela na década entre os anos 60 e os 70 escribíu "A liberdade perigosa".


Carme Pérez Vaquero naceu en Goián (Tomiño), reside en Vigo e traballa no Concello de Redondela dende 1979. É secretaria do colectivo Galeguizar Galicia, que engloba á Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, á Fundación Lois Peña Novo, á Asociación de Amigos do Couto Mixto, á Irmandade Xurídica Galega, á Irmandade da Sanidade Galega, á Irmandade Galega de Agroalimentarios e Adegueiros e ó Foro Enrique Peinador. A súa formación é no eido administrativo. Grazas ó labor das asociacións ás que está vencellada, "a mensaxe da normalización lingüística ten vida propia fóra das fórmulas tradicionais da cultura galega, prestixiando a lingua galega onde había indiferenza", sinalan dende a organización dos premios San Martiño de Normalización.