facebook
 
     
InicioObxectivosAmbitos de actuaciónAcciónsActosActos: HemerotecaPublicaciónsNovasNovas: HemerotecaGaleria fotografica  
Xuices Honorarios 2009

Volveuse repetir o rito: as bombas de palenque  anunciaban o comezo do acto de nomeamento dos novos Xuíces Honorarios. Formouse o cortexo cívico precedido pola banda de música de Xinzo de Limia. Desfilaron en primeiro lugar os Homes de Acordo, que abrian paso. Seguíanos, os novos Xuíces, don Antonio Lourenço Fontes, don Gonzalo Jar Couselo e don Xesús Rodríguez Cruz. Detrás deles as autoridades invitadas.E pechaban o cortexo os membros da Asociación de Amigos do Couto Mixto revestidos coa capa negra tradicional, con broslados e as tres chaves vermellas bordadas. Arriba, na igrexa, agardaban os veciños e veciñas e invitados ao acto, que acudiran prestos a colleren asento. Fóra, no adro, reciben ao cortexo curiosos, ávidos por presenciaren o ritual. Unha veciña do Couto Mixto pon nos brazos da estatua de bronce do derradeiro Xuíz, un ramo de flores.

A vella igrexa que noutora servira para que os veciños do Couto Mixto fixesen as súas preces, estaba ateigada de amigos e curiosos, dispostos a participaren dunha liturxia medida e formalista. Recibe a comitiva unha marcha intepretada polo Ensamble Galicia, un cuarteto de alumnos do Conservatorio Superior de Música de Ourense.
 
O silencio faise dono daquel escenario de resonancias históricas e vibra cando o mestre de cerimonias anuncia  a entrada pola porta principal dos tres novos Xuíces Honorarios, que veñen  acompañados dos Homes de Acordo e o Presidente da Asociación de Amigos do Couto Mixto. Logo de sentaren en cadansúa cadeira, observan o solemne traslado do arcón desde a sancristía  a unha mesa situada diante do altar. Os que xamais virán aquel mítico arcón arregalan os ollos levados polo enfeitizo da súa hitoria.


Xa están formados os tres Homes de Acordo diante del. O secretario da Asociación chámaos polos seus nomes e váille preguntando se son os Homes de Acordo de Santiago, Rubiás e Meaus. Cada un responde: “son, si señor”. Entón reciben a orde invariable para tódolos tres: “Abra, pois, a súa pechadura”. Primeiro o de Santiago; logo o de Rubiás, e finalmente o de Meaus, para volvérense retirar apenas uns paso. O máis vello abre a tampa do arcón. Váise debullando de vagar a liturxia que o mestre de cerimonias lles van indicando a uns e a outros, que van interpretando cadanseu papel nun  escenario adubiado cun retábulo barroco.
 
As autoridades invitadas, sentadas nos primeiros bancos corridos da igrexa dánlle ao acto a solemnidade institucional de acaídas reminiscencias.

O Secretario da Asociación, don Benito Reza, da lectura da acta pola que se nomean Xuíces Honorarios. A seguir o Sr. Presidente da Asociación chámaos, un a un, para que se incorporen e escoiten a fórmula de rigor na que se lles pide que sexan no futuro fieis valedores daquelas e terras e xentes. Ao asentimento de tal encomenda, o Presidente dílles: Señor Gonzalo Jar Couselo, reciba os atributos de Xuíz Honorario: bastón, réplica da chave do arcón e diploma, que acredita a súa condición. E así, sucesivamente.

O mestre de cerimonias dá conta das cartas e telegramas recibidas felicitando aos organizadores do acto e aos novos Xuíces Honorarios, salientando entre elas a de Don Diego López Garrido, Secretario de Estado para a Cooperación coa Unión Europea. Carta longa, depositaria de esperanzas para o Couto Mixto, no horizonte do ano 2010, no que a Presidencia Europea será do Goberno español. Percíbese no público un reverencial silencio durante a súa lectura. Este documento e outros máis son depositados no arcón-memoria do Couto Mixto para que permanezan dentro del durante os próximos séculos.

Pon o ramo á cerimonia o Presidente da Asociación de Amigos do Couto Mixto, D. Luís García Mañá, nunha acendida proclama de reivindicación do territorio do Couto Mixto  e da Galicia interior. O público apoia as palabras escoitadas cun grande aplauso.

E o acto rematou. Xa temos novos Xuíces Honorarios que han ser tamén valedores daqueles pobos. Pola porta da igrexa entran os acordes marciais do Himno Galego que coma un resorte poñen en pé a todos os presentes.




A Asociación de Amigos do Couto Mixto, preocupada pola memoria colectiva, vén convocando desde hai máis de dez anos o acto de exaltación dun territorio histórico dotado de personalidade xurídica desaparecido pola volta do ano 1864. Mentres estiveron en vigor as prerrogativas que definiron  a existencia daquela comunidade, o Couto Mixto foi un fito sobranceiro na fronteira galego-portuguesa, polas peculiaridades que rexían a vida social e económica dunha poboación  que tiña no comercio e no cultivo do tabaco dúas das actividades máis salientables.A figura do xuíz, que representaba a autoridade gobernativa e xudicial, ten hoxe un monumento no adro da igrexa de Santiago de Rubiás que nos lembra que a derradeira autoridade daquela entidade territorial foi don  Delfín Modesto Brandón, autor dunha monografía -”Historieta do Couto Mixto”-, na que despois de debullar as circunstancias históricas do nacemento de tal enclave, láiase do desinterese amosado polas autoridades españolas e portuguesas, que se desentenderon daqueles pobos.
Luís M. García Mañá desempoeirou a memoria reconstruíndo con nidía precisión todos e cada un dos feitos definitorios do Couto Mixto. Fíxoo desde o rigor da investigación histórica; pero tamén desde a reacreación do imaxinario popular en varias entregas literarias. Os escritores Méndez Ferrín e Riveiro Coello participaron tamén nesta tarefa de recuperar a memoria colectiva deste pobo.Desde entón foron moitos os investigadores, historiadores e creadores literarios que amosaron interese polo Couto Mixto e terras arraianas. Unha preocupación que a Asociación de Amigos do Couto Mixto quere espallar para que a historia de tal singular enclave permaneza vivo na memoria das nosas xentes. Día a día vai incrementándose o número de persoas que, sen seren veciños do lugar, amosan preocupación pola pervivencia daqueles valores que o tempo arrombou.










ACTA DE NOMEAMENTO DOS XUÍCES HONORARIOS DE 2009


O día 23 de maio, ás doce horas do mediodía, reúnese en Ourense a Xunta Directiva da Asociación de Amigos do Couto Mixto para nomear os novos Xuíces Honorarios, acordando por unanimidade distinguir con  tal dignidade aos seguintes señores:
  DON GONZALO JAR COUSELO, xeneral de división da Garda Civil e especialista en Dereito Internacional Humanitario, pola súa colaboración coa Asociación de Amigos do Couto Mixto na procura da pervivencia da memoria desta entidade territorial histórica alén das nosas fronteiras.
  DON ANTONIO LOURENÇO FONTES, crego arraiano, pero sobre todo estudoso e investigador das tradicións transfronteirizas; cultivador da memoria colectiva dos nosos pobos, e lúcido intérprete dunha convivencia humana que xerou un ricaz patrimonio común.
  DON JOSÉ RODRIGUEZ CRUZ, arraiano das terras da Gudiña, estudoso dos costumes e vivencias tradicionais e culturais dun e doutro lado da raia, que ten catalogadas e publicadas, recibindo por este meritorio traballo prestixiosos e ben merecidos premios e recoñecementos.