facebook
 
     
InicioObxectivosAmbitos de actuaciónAcciónsActosActos: HemerotecaPublicaciónsNovasNovas: HemerotecaGaleria fotografica  
Xuices Honorarios 2006

Co gallo do Día das Letras Galegas e propiciado desde a Secretaría de Emigración da Xunta de Galicia, o Secretario da Asociación de Amigos do Couto Mixto, Xosé Benito Reza, e máis eu, tivemos a oportunidade de achegármonos a Andorra. Alí atopamos un grupo de galegos ensarillados nas plurais actividades da Casa de Galicia, que nos demostraron que a nosa terra vive onde mora un galego e que Galicia trasládase a calquera recuncho do mundo onde se escoite o noso idioma.

E foi alí, entre aqueles abraiantes montes pirenaicos, onde coñecimos, breve e intensamente, un país cunha historia parecida á do Couto Mixto ata o século XIX, país que hoxe experimenta un salientable desenvolvemento económico, recoñecido polas Nacións Unidas e que presenta un futuro de progreso.

Pola contra, o noso benquerido Couto Mixto loita pola supervivencia. ¿Qué acontecerá dentro de dez ou vinte anos nas aldeas de Santiago, Rubiás e Meaus?

A situación actual do Couto Mixto é froito do esquecemento dunha realidade histórica que tronzou o Tratado de Lisboa de 1864, provocando a perda dun status do que hoxe poderían beneficiarse estes pobos e mesmo toda a bisbarra.

A Asociación de Amigos do Couto Mixto ven, ano tras ano, teimando na recuperación da memoria histórica destes lugares, para lles devolver o orgullo ao que teñen dereito. Os seus veciños son os auténticos herdeiros e protagonistas dunha historia máxica.

Deste xeito pretendemos que as institucións tomen en conta esta república dos soños, espazo de encontro de xente de ben, que xa está a atinxir que cada día sexa menos esquecida.
 
              
  Luís Manuel García Mañá –Presidente da Asociación de Amigos do Couto Mixto.


 


 
D. Carlos Varela García (Fiscal Superior de Galicia)O actual Fiscal Superior de Galicia naceu no Carballiño. Desde a súa mocidade, na Universidade de Santiago, amosou interese pola cultura galega. Desde entón a súa participación activa a prol da normalización cultural e lingüística foi constante. Desde princpios nos anos 80 vén desenvolvendo as súas actividades profesionais na Fiscalía en lingua galega. Pero amais disto, que non e pouco, forma parte de varias entidades culturais prestixiosas no Pais. Foi fundador da Asociación de Amigos do Couto Mixto, amosando desde entón unha actividade constante para difundir a existencia histórica desta entidade territorial.
  D. Alfonso Palomares (Director da Casa de Galicia en Madrid)Xornalista de profesión. Nado na Portela, moi preto do Couto Mixto, terras que coñece abondo e polas que andou durante a súa infancia pacendo  o gando, como recorda nun fermoso discurso pronunciado no mosteiro de Celanova co gallo da entrega do Premios Casa dos Poetas que lle entregou a súa Fundación. En Madrid dirixíu varias revistas de ámbito estatal, desempeñado outros cargos tales como o de Presidente da Axencia Efe. Durante catro anos dirixíu a Casa de Galicia en Madrid, difundindo a través desta institución oficial a existencia do Couto Mixto.
  D. Sergio Álvarez Álvarez (Home de Acordo do Couto Mixto)Sergio Álvarez Álvarez naceu en Meaus, un dos tres pobos que integraban o Couto Mixto. Actualmente mora nesta mesma parroquia. Antes, de mozo, coñeceu a emigración na que desempeñou diversos oficios. Unha vez xubilado foi un dos membros fundacionais da Asociación de Amigos do Couto Mixto. Tamén é Home de Acordo, responsabilidade que comparte con outros dous veciños das parroquias de Santiago e Rubiás.

 



Constitúe para min unha grande honra recibir hoxe, nesta igrexa de Santiago, o nomeamento de Xuíz Honorario do Couto Mixto, continuando así coa tradición inaugurada anos atrás e materializada nesta liturxia solemne mediante a entrega simbólica das chaves da Arca de Madeira, arca na que se gardaban os documentos orixinarios que lle conferiron unha singularidade histórica a este privilexiado lugar antes de seren destruidos polo mariscal francés Soult, alá polo mes de marzo do ano 1809 cando se retiraba da península, movendo, segundo as crónicas da época, 18.000 infantes, 3.000 cabalos e 20 pezas de artillería de campaña.

A tradición ocupa un dos lugares máis senlleiros na memoria dos pobos: sen recordos, sen liturxias, sen tradicións, perderiamos as nosas referencias comunitarias e esvareceríanse os puntos de encontro que nos identifican como colectividade.

Estas referencias e puntos de encontro son os que nos indican que Galicia e o norte de Portugal tiveron unha historia común, historia que mesmo determinou que no século XII se barallase a posibilidade de “Un reino de Galiza que englobase tamén a Portugal” como unha das posibles alternativas dentro do proceso das formacións nacionais na Península.

Andando o tempo este lugar, o Couto Mixto, formado polo enclave das tres aldeas de Santiago, Meaus e Rubiás, repartidas entre os concellos de Baltar e Calvos de Randín, consolidouse como símbolo de conexión entre Galicia e Portugal.

Formamos parte dun grupo social, étnico e cultural que precisa recoñecerse na súa historia, nas súas lendas e mesmamente tamén nos seus desposados privilexios.

Privilexios que foron recoñecidos no ano 1819 neste mesmo adro da igrexa de Santiago e en virtude dos cales o Couto Mixto quedaba ligado á casa de Bragança por un lado e á dependencia espiritual da Diocese de Ourense polo outro, como unha manifestación de que a fronteira política non afectaba as fronteiras eclesiásticas, as cales, durante máis de 200 anos, non tiveron para nada en conta a liña de demarcación estatal: así, a veciña freguesía portuguesa de Tourem pertenceu  ata 1884 á Diocese de Ourense; e mesmo aínda podemos lembrar ao cura de Mandín misando en Vilarello da Raia, ou ós fregueses de Lamadarcos vindo á misa a Feces de Cima, ós de Vilaverde indo a Feces de Abaixo ou a Rabal ou ós de Cambedo a San Cibrao.

Foi precisamente ese conxunto de privilexios a que nos acabamos de referir o que determinou a singularidade máis notoria e sobranceira do Couto Mixto, consistente en que os seus habitantes non quedasen obrigados a adquirir unha determinada nacionalidade en función da súa localización xeográfica a un ou outro lado da raia. Así, e atendendo cada un ás súas propias motivacións e razóns, os veciños destas terras podíanse inclinar pola nacionalidade española, pola portuguesa ou mesmo por ningunha.

Afirmábase que o momento en que se exercía a opción era o día da voda. Os que desexaban ser portugueses tomaban un vaso de viño á honra e saúde do rei de Portugal, gravando a letra “P” de Portugal xunto o dintel da porta da súa casa; pola súa banda, os que se decidían pola nacionalidade española facían un brinde polo rei de España e seguidamente dispoñían á gravar un “G” de Galicia na casa que ía constituir o seu lar conxugal.

Así e todo, e tal e como acredita Delfín Modesto Brandón, un dos derradeiros xuíces do Couto Mixto, o do gravado das mencionadas letras só estivo en voga ata os anos 1842/43, pois a partir desa data os veciños de Santiago, Meaus e Rubiás decidiron facer desaparecer eses caracteres para evitaren ser molestados polas autoridades españolas ou portuguesas.

Deste xeito, as letras foron substituídas polas iniciais dos nomes dos propietarios das casas, por datas significativas da súa construción ou modificación ou por cruces e outros símbolos máxico-relixiosos que tiñan a función de escorrentaren os malos espíritos.

Todo o dito motivou que dentro dunha mesma casa puidese estar vixente unha ou a outra nacionalidade en función de cada planta, ou mesmo en función de cada peza ou estancia. Isto ocorreu a miúdo nos chamados “pobos promiscuos”, constituídos polas aldeas de Souteliño, Cambedo e Lamadarcos, que estaban a cabalo material da raia fronteiriza.

“Vivan los dos reyes, moitos anos”, dicían con altas voces testemuñas oculares presentes cando os de Meaus querían construir unha casa en terreo mixto e facían a correspondente repartición: “de aquí para allí -y va caminando-, por el Rey de Castela; de esta parte a esta, por el Rey de Portugal”.

Durante moitos anos a fronteira foi concibida como unha “sucesión de castelos” ou “sistema de fortalezas” que funcionaban como fitos de conquista ou puntos de referencia da separación entre os dous reinos, quedando entre eles vastas extensións despoboadas entre as cales oscilaba a liña divisoria política.

No censo que o século XVI mandou facer o Rei portugués Joao III faise mención a “aldeas místigas” de “Galyza e Purtugall, nas que vivem misturados Galegos e Purtugueses, huns mitidos por outros, e nam acerta devysam ante nunms nem outros”.

Neste mesmo documento tamén se informa acerca do poboado de Lamadarcos, “que he a metade delle de Galyza e a outra metade de Purtugal”.

O Couto Mixto dispuxo tamén do privilexio de se autogobernar mediante a elección dun xuíz-alcalde que se constituía en xefe político, gobernativo, administrativo e xudicial, auxiliado polos “homes de acordo” que tamén se escollían en cada un das tres aldeas e ao que se lle recoñecía a función de impoñer sancións pequenas por mor de faltas leves. Sabemos que a xuntanza para escoller á máxima autoridade do Couto Mixto se levaba a cabo a primeiros de ano e que o periodo de vixencia do seu mandato era de tres anos; antes de que este periodo rematase era o propio xuíz quen convocaba os veciños a fin de se proceder á elección do seu sucesor.

O Arquivo do Couto Mixto estaba constituido polos distintos documentos de concordias, privilexios e outros de carácter privado que se gardaban celosamente nunha arca de madeira pechada con tres chaves e depositada na sancristía desta igrexa de Santiago. A solemnidade da súa apertura esixía a presenza de doce homes dos máis íntegros do Couto Mixto, catro por cada aldea, que acompañados polo Xuíz e os “homes de acordo” iniciaban a liturxia  de introdución de documentos na devandita arca.

Este Couto Mixto, baseado en privilexios dos dous reis que permitían -a pesar da existencia da alfándega- comprar a vender nas feiras de ambos reinos sen pagar impostos, constituíu unha reminiscencia medieval e unha perduración de longa duración na conduta e na memoria colectiva dos hábitos fronteirizos propios da Idade Media.

Hoxe, aquí e agora, con esta cita anual na igrexa de Santiago, só nos queda ser transmisores desta memoria colectiva que se orixinou e que perdurou nesta raia fronteiriza, onde os costumes, os ritos, os privilexios, a cultura e os seus habitantes foron quen de crear unha realidade social homoxénea que tivo a súa orixe no máis profundo da historia.

Como xuíz honorario do Couto Mixto, recen nomeado neste acto, asumo o compromiso de manter viva por sempre esta significada tradición.
                       Carlos Varela García

 



Aquí e agora non vou chorar, porque xa veño chorado da casa. Pero teño que dicirlles que esta distinción que se me concede hoxe, é tan singular porque para min, ten a emoción do valor do simbólico. Estes montes, dende o Castro ata as Penas, este río Salas, estes outeiros e camiños… pertencen ó territorio da memoria da miña nenez. Considero que é unha distinción ó neno que vivíu por estas terras, e que dende estes lugares de beleza incomparable formouse unha idea do mundo, do noso mundo… porque o outro estaba moi alonxado de nós.

Como saben algúns -e ós outros dígollo agora- eu nacín aquí ó lado, en Paradela, e cando ía cas vacas ó Monte do Castro, contemplaba as terras do Couto Mixto, de Rubiás, de Santiago, Meaux…. E o primeiro recordo que gardo asociado ó Couto, sitúase nunha pequena corte familiar metida na fronteira -por suposto, na fronteira do Couto, non na de Portugal-.

Unha tarde estaba meu pai degallando alí, coa axuda de dous veciños de Rubiás. Despois, ó sabor do chourizo e a frescura do viño que se tomaba pola bota, escoiteille dicir a un deles -ó que parecía o máis sabio: “Mira José Ramón,  -que ese era o nome do meu pai-, nós, os do Couto, non somos independentes porque somos probes e non temos diñeiro para manter a un príncipe; se tivésemos con qué manter a un príncipe, hoxe seriamos un principado”.
        
Para a imaxinación dun cativo como eu era, aquilo significaba meterse no mundo do máxico. Nos libros da escola, os príncipes comían enormes rosquiñas de sucre que non remataban nunca… e mel en forma de cabelos de anxo. Meu pai, para explicarme aquela fantasía principesca, díxome que os do Couto foran xentes de ningunha parte, ninguén os mandaba, que o que tiñan era deles; pero tiñan o privilexio de que se un cabalo ou unha vaca sen dono se perdía nos seus pobos, pasaba a ser dos veciños do Couto.

Ós poucos días, estaba eu coidando das nosas cinco vacas nunha eira que lindaba cos de Rubiás. De súpeto, os tabáns atacaron a unha das vacas, e ela botouse a correr desesperadamente cara Rubiás; eu ía tras dela cos pulmóns fóra, e claro está, co medo a perder a vaca e, o que era peor: que pasara a ser dos “mixtos”. A vaca chegou ata aquí, ata Santiago. Uns veciños axudáronme a amarrala e devolvela xunto ás outras.

Aquí estabamos moi lonxe do mundo e o mundo estaba moi lonxe de nós. Non había luz eléctrica nin estradas e, polo tanto, non chegaban coches; tampouco se escoitaba a radio e só algún xornal vagabundo chegaba cando xa as noticias deixaran de ser noticias. As terras eran fermosas, pero probes… e esa probeza compensabámola os veciños cunha gran solidariedade humanista.

Como as realidades eran tan monótonas, e as escuridades tan pechadas, acodían a miúdo peregrinacións de “almas en pena”. Eu lembro ter visto dende o Tremedal, na mesma ladeira do monte de Rubiás, a alma do arcebispo de Pernambuquco: identificouno unha señora que estivera no Brasil, e coñecíao.

Aquí non había límites entre a realidade e a irrealidade, por iso, o  Couto Mixto -que foi (eu diría “que é”) un feito histórico- agora queremos que sexa o noso mito e a nosa lenda, para que alimente a aventura cultural dun recordo peregrino. Convertelo nun lugar de cita coa historia, de Festa da Lembranza, e que ó mesmo tempo, serva para modernizar toda esta fermosa e entrañable zona.
 
 
 Alfonso Palomares

 




Andorra la Vella, 25 de maig de 2006

Sr. D. Luís Manuel García Mañá
Associació Cultural Casa de Galicia
Carrer Castella del Sucara, núm. 4
ADSOO ANDORRA LA VELLA
Apreciat Senyor:

El proppassat cap de setmana va ser un placer, per a mi, poder participar a la celebració del “Día das Letras Galegas” i gaudir del reguitzell d’ activitats programades per l’ Associació Cultural Casa de Galicia, que té la seva seu a Andorra la Vella, capital del nostre país.

El nostre contacte amb la colonia gallega arrelada a Andorra és constant i sempre hem provat de col.laborar en totes les activitats que ens apropen a la vostra cultura.

En aquest cas, em va encuriosir  notablement el coneixement de l’existencia d’una “República” oblidada, el Couto Mixto, que presentava mohes similituds amb el nostre país a principis del segon mil.leni, que tan eruditament vareu saber il.lustrar-me amb les vostres explicacións, i de la qual en sou informat abastament amb la lectura dellibre, del qual en sou l’autor i que tan amablement vareu oferir-me, endinsant-me en la seva lectura, el que m’ha permes alhora, apreciar i coneixar millor la vostra llengua.

Particularment, m’ha sorpres l’existencia d’un armari com el que conservem a la seu del Consell General i que era anomenat tradicionalmet “de les sis claus”, on es custodiaven els documents més cabdals.

I ensems, la concomitancia de dates en l’abolició dels privilegis i de la propia existencia d’aquella “Republica”, entre el 1864 i el 1868, i l’aprovació del Decret de Nova Planta del 1866, que d’alguna manera, reforçava la nostra personalitat, tot refermant les nostres institucions i establint un nou marc de relacions entre súbdits i institucions.

Puc assegurar-vos que el contacte amb la vostra cultura a través de la convivencia amb tots aquells gallecs que han adoptat el nostre país com a seu, ens enriqueix mútuament i reforça el nostre tradicional esperit d’ acolliment.

Per aixo, i pel vostre taranna, cal que sapigueu que sempre sereu ben rebuts a Andorra la Vella.


 A l’espera doncs, de poder retrobar-nos, us prego que accepteu el nostre reconeixement i el testimoniatge de la     nostra amistat.
    
Francesc Xavier MORA BARON
    Cónsol Major