Desde hai dez anos a Asociación de Amigos do Couto Mixto vén traba-llando arreo na recuperación da memoria dun pobo que perdeu a súa identidade territorial por mor dun tratado de lindes a finais do século XIX. Neste labor axudáronnos os veciños coas súas achegas- relatos da memoria familiar as máis das veces- , e un sen fin de personalidades sobranceiras no ámbito universitario, coas que organizamos cursos académicos cos avais das uni-versidades de aquén e alén da raia; rescatamos estudos e monografías esparexidas, e publicamos traballos de investigación que nos permiten ir reintegrando a personalidade singular dunha república esquecida, dunha república dos soños como tantas veces a temos chamada.
A todos eles debémoslle gratitude pola súa colaboración. E a algúns deles fómolos distinguindo durante estes anos como “Xuíces Honorarios do Couto Mixto”. Este ano, continuando con esta tradición, outorgámoslles tal
recoñecemento aos deputados Alberto Fidalgo Francisco e Laura Seara Sobrado, ámbolos dous con senllas iniciativas parlamentarias promoveron debates nas respectivas institucións da representación popular para recoñecer unha entidade territorial histórica. A Miguel Blanco Grande, crego de Santiago de Rubiás, “alma mater” da teoloxía que aposta pola inculturación nas tradicións dos mixtos, e a Máximo Salinas Valencia, profesor universitario, autor da monografía “O Couto Mixto.O seu contorno arraiano e os pobos promíscuos”, noutrora presidente da nosa Asociación.
Quero saudar en nome da Asociación ás novas corporacións municipais dos concellos de Calvos de Randín e Baltar, entidades que comparten este patrimonio histórico-territorial, ao tempo que solicitamos a súa colaboración para reconstruirmos entre todos a memoria do Couto Mixto.
Luis M.García Mañá. Presidente.