facebook
 
     
InicioObxectivosAmbitos de actuaciónAcciónsActosActos: HemerotecaPublicaciónsNovasNovas: HemerotecaGaleria fotografica  
Xuices honorarios 2015

Volvimos ao Couto Mixto un ano máis para  procurarmos  avivar o lume da memoria, esa é a pretensión da Asociación de Amigos do Couto Mixto que con este acto de rito  singular pretende recuperar para a sociedade un anaco da historia de Galicia que por mor do esquecemento estábase a diluir na memoria colectiva.  E a esa tarefa foron  convocadas aquelas persoas e institucións que fan posible  a restauración das relacións entre dous pobos irmáns.

 

Contouse neste ano coa colaboración especial do empresario Lino Perdíz, propietario de AUTOCARES PERDIZ, S.L, que rotulou dous autobuses cos nome de “Couto Mixto” e “Luís Soto”, mestre  republicano e galeguista en Mugueimes, onde radica a empresa que a través da súa rotulación tamén levarán o nome deste territorio alí onde viaxen.

 

Nesta 15 edición os elixidos para recibiren as distincións que consisten na vara de mando; unha réplica das chaves que abren a arca da memoria do Couto e un diploma acreditativo dos méritos que concorren en cada un dos nomeados foron as institucións CÁMARA MUNICIPAL DE VILANOVA DE CERVEIRA e o CONCELLO DE TOMIÑO, dous  concellos cooperantes, dialogantes e participativos que traballan por un futuro común e por reconstruir un amplo espazo da vella Gallaecia sucado polo río Miño;  Dª SANDRA GONZÁLEZ ÁLVAREZ -alcaldesa de Tomiño- recibíu de mans do presidente da Asociación D. Luís García Mañá os atributos como Xuiza Honoraria. O Presidente da Cámara de Vilanova de Cerveira, D. JOÃO FERNANDO BRITO NOGUEIRA  recolleu a distinción de mans do Secretario Xeral de Política Lingüística D. Valentín García Gómez.

 

Como Xuiza Honoraria do Couto Mixto foi nomeada a mestra Dª. ASUNCIÓN SANZ FERREIRO que exerceu o seu maxisterio en Santiago de Rubiás e que non pudo recollelo en persoa por estar lonxe da terra, fixoo no seu nome o crego da freguesía de Santiago entre os recordos de moitas das súas alumnas. Tamén D. JOSÉ LAMELA BAUTISTA, home preocupado pola protección do medio ambiente e tradicións da raia seca en Lobios, no corazón do Parque Natural Peneda-Xurés concello do que foi alcalde foi recoñecido cos atributos de Xuíz Honorario. 

 

Por primeira vez a Asociación de Amigos do Couto Mixto nomeou VIGAIROS do Couto a unha agrupación musical formada por rapazas e rapaces dos concellos do Couto Mixto distinguíndoos polo encomiable labor de aglutinar a través da música tradicional á mocidade daquelas terras arraianas a prol dun obxectivo común, a tradición e a historia recuperada.

 

O acto estivo amenizado musicalmente pola soprano de orixe cubano Lys Teuntor que interpretou varias pezas musicais de corte clásico e popular en galego. No remate do acto o público cantou o Himno do Couto Mixto, unha fermosa peza coa que María do Ceo e Armando González agasallaron á asociación hai anos.

 

Multitude de persoas achegáronse ao Couto Mixto para participar deste acto de recuperación histórica e gozar dun día de festa e alegría pola cultura e lingua de Galicia.