facebook
 
     
InicioObxectivosAmbitos de actuaciónAcciónsActosActos: HemerotecaPublicaciónsNovasNovas: HemerotecaGaleria fotografica  
Xuices honorarios 2012

Un ano máis o Couto Mixto tivo o seu día de gala; os territorios arraianos que o conforman e abranguen unha parte importante da historia de Galicia e Portugal, paises irmáns que se unen para compartir un espazo común, nomearon a tres novos Xuices Honorarios, persoas todas que apoian e proclaman que a pervivencia da historia, da tradición e dos valores deben pervivir polos séculos dos séculos.

Eran as 12:30 horas da mañá cando se iniciou o percorrido das autoridades, entre as que cabe destacar ao Conselleiro de Cultura, D. Xesús Vázquez Abad; ao Secretario Xeral de Política Lingüística, D. Valentín García Gómez; ao Fiscal Superior de Galicia, D. Carlos Varela Garcia; alcaldes dos pobos que integran o Couto Mixto, etc...  veciños e veciñas e  membros da asociación Amigos do Couto Mixto pola aldea de Santiago de Rubiás, no concello de Calvos de Randín, ata a igrexa parroquial na que, ano tras ano, vense celebrando o acto de nomeamento de novos  Xuices Honorarios.

 

O gaiteiro Carlos Núñez, ourensán  de traxectoria e repercusión internacional; a Eurocidade Verín-Chaves, representada polos seus rexedores D. Juan Manuel Jiménez Morán e  D. Joâo Gonçalves Martins, modelo de relación interadministrativa entre dous paises e D. Xosé Antón Gómez Segade, catedrático da USC e galego de cerne e corazón, foron os elexidos pola Asociación para recibir de mans do presidente D. Luís García Mañá, a chave (replica da que abre o arcón do Couto Mixto), o bastón de mando que posuian os homes de acordo e o diploma acreditativo dos méritos que concorren neles.

 

D. Luís García Mañá no seu discurso de benvida destacou “o paralelismo entre o Couto Mixto e a Eurocidade Verín-Chaves na súa forma de unirse para compartir, por riba de fronteiras e de divisións xeográficas”. Abogou na súa intervención por “procurar entendérmonos en paz, fronte ás discordias e as relacións distantes” e insistíu na necesidade  de recuperar a memoria histórica dun lugar que biolóxica e economicamente se encontra abandonado tal como ocurre coa Galicia interior.

 

Carlos Ñúñez explicou no seu turno de intervencións “que a gaita de fole foi un dos primeiros instrumentos que entraron no Brasil, cando foi descuberto polos europeos, procedente da rexión galaico trasmontana miñota”. Un agasallo para o público foi a súa interpretación dunha melodía brasileira con melancolía galega, que interpretou a frauta.

O rexedor de Verín, D. Juan Manuel Jiménez Morán, explicou a importancia que a Eurocidade Verín-Chaves “ten para salvar o territorio que conformaba a antiga fronteira entre Galicia e Portugal”.

Especialmente emotiva e fermosa foi a intervención do profesor D. Xosé Antón Gómez Segade que enfatizou sobre o significado do Couto Mixto.

O Conselleiro de Cultura pechou o acto resaltando “a tarefa desenvolvida pola asociación Amigos do Couto Mixto no fomento do diálogo, a convivencia, a interculturalidade e o respeto polo seu pasado recuperando a historia propia”.


D.Carlos Núñez Muñoz, músico galego, de proxección universal, que converteu a nosa gaita nun instrumento recoñecido no mundo, e polo seu labor creativo, de divulgación e investigación da música tradicional galega en fusión con outras culturas.
Cámara Municipal de Chaves, pola creación da eurocidade Chaves-Verín, un espazo transfronteirizo aberto ao diálogo e ás relacións económicas e culturais de dous pobos chamados a entendérense e complementárense como símbolo xenuino de convivencia política.
Concello de Verín, pola creación da eurocidade Verín-Chaves, un espazo transfronteirizo aberto ao diálogo e ás relacións económicas e culturais de dous pobos chamados a entendérense e complementárense como símbolo xenuino de convivencia política.
Don Xosé Antón Gómez Segade, arraiano de cerna, pola súa constante defensa e divulgación da tradición histórica das Terras do Couto Mixto así como pola súa aportación á ciencia xurídica universal.