facebook
 
     
InicioObxectivosAmbitos de actuaciónAcciónsActosActos: HemerotecaPublicaciónsNovasNovas: HemerotecaGaleria fotografica  
EN GALEGO,AGORA E SEMPRE
31/05/2014
Celebrouse en Salceda de Caselas o pasado día 31 de maio un novo acto para fomentar o uso da lingua galega nos actos fúnebres e reafirmación no galeguismo individual expresado nunha acta de vontades que foi asinada por corenta e sete veciños.
Teresa Pérez, concelleira de Normalización Lingüística tivo unha intervención ateigada de razóns para explicar o por que do chamamento institucional para a realización do acto.  
 
Carme  Vaquero, en nome da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia insistíu na necesidade de recuperar a memoria dos espazos que nos sitúan nun espazo e nun tempo, porque o futuro sen pasado non é nada e a tal efecto fundamentou a campaña en dúas vertentes, a primeira que os galegos e galegas dispoñan con vontade propia que queren ser soterrados no seu idioma e a segunda que expresen a necesidade de facer testamento en lingua galega como defensa do patrimonio inmaterial para transmitirllo aos seus descendentes.
 
O crego de Sta. María de Salceda,  recorreu a razóns teolóxicas para avogar pola inculturización da fé en Galicia.
 
A parte máis emotiva do acto foi cando Dª. Carme Troncoso, como primeira asinante da acta de vontades, intervíu para  lembrar que o galego fora o idioma no que principiara a tatexar as primeiras palabras de moi noviña, no que enredaba de nena, namorara e criara aos fillos e que nel quería ser lembrada para sempre.
 
O Secretario Xeral de Política Lingüística, don Valentín García Gómez, amais de dárlle os parabéns ao Alcalde do Concello e aos veciños presentes, insistíu na necesidade de recuperar para a lingua galega espazos tan íntimos como son os cemiterios.
 
Marcos Besada, Alcalde de Salceda de Caselas, amosou a súa ledicia polo éxito da convocatoria e a decidida vontade do seu Concello por recuperar os sinais de identidade que nos definen como pobo chamando ao vecindario  a recuperar a dignidade  e restaurar a memoria lingüística dos defuntos.
 
O acto, que estivo amenizado por un  cuarteto de corda, rematou coa descuberta dunha placa na porta do cemiterio na que se pode ler:
 
"Na memoria de todos os que aqui xacen, porque grazas a eles Galicia segue a ter cultura e lingua de seu".


QUE NOS LEMBREN NO NOSO IDIOMA

Que misteriosa interferencia cultural é a que no momento de que os galegos pasan a durmiren fóra da casa fai que se lles soterren en castelán, idioma no que son lembrados mentres a memoria non esmoreza?

Esta pregunta ten varias respostas. Unha delas é a da pouca autoestima do galegos e galegas, que prefiren morrer nun idioma que lles parece máis digno co noso. E aos feitos remitímonos: só unha de cada mil lápidas está redactada en galego nos máis de tres mil setecentos cincuenta cemiterios que ten Galicia; e unicamente un dous por cento das esquelas que se publican nos medios de comunicación están escritas no idioma que falaba o defunto para comunicárense coas familias e amigos. Estes reciben a mala nova do pasamento con esquelas esparexidas pola parroquia en postes da luz, tabernas, adros da igrexa... nun idioma non falado pola persoa falecida. Se non fose porque a sociolingüística ten atopado explicacións para estes comportamentos teríamos que calificar o feito coma un esperpento cultural.

Cómpre mudar estas anormalidades culturais. O debate debe ser promovido polos partidos políticos e sindicatos entre os seus afiliados; polas entidades culturais cos seus asociados, e, sobre todo, polos concellos galegos que teñen a obriga legal de promoveren cantas iniciativas sexan posibles para fomentar o principio da igualdade e cooficialidade lingüística establecidas polas nosas normas legais.

A Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia vén promovendo desde hai ben anos o Día da Restauración Lingüística coincidindo co Día de Defuntos con campañas pedagóxicas, que consisten na colocación dunha placa nas portas dos cemiterios tal e como reza en moitísimos deles xa "Na memoria de todos os que aqui xacen porque grazas a eles Galicia segue a ter cultura e lingua de seu", e coa substitución dalgunhas das lápidas escritas en castelán por outras en galego de personaxes senlleiros que en vida se identificaron coa defensa dos nosos valores patrimoniais, para facerlles xustiza.