facebook
 
     
InicioObxectivosAmbitos de actuaciónAcciónsActosActos: HemerotecaPublicaciónsNovasNovas: HemerotecaGaleria fotografica  
Lois Peña Novo 2011
30/06/2011

Un ano máis, e xa son 17,  nos que o Castelo de Soutomaior é escenario escollido para o acto de entrega dos Premios Peña Novo.  Desta volta o escenario mudou do interior ao exterior, e o Patio de Armas do castelo, coa Galería das Damas de fondo, servíu para acoller a gran cantidade de persoas que quixeron acompañar aos premiados nese día de recoñecemento a un traballo a prol da lingua e da cultura de Galicia.


Como sempre tamén a música  foi protagonista e o trio de corda Deva foi debullando desde o inicio do acto pezas tradicionais para gaita, frauta traveseira, bouzoki e violín creando un  ambiente moi agradable e concitando a atención entre o público.

A presidencia do acto estivo conformada por D. Carlos Varela García, Fiscal Superior de Galicia; Dª. Teresa Conde-Pumpido Touron, Presidente do Consello Consultivo de Galicia; D. Francisco Fernández Rey, vice-secretario da R.A.G.; D. Anxo Lorenzo, Secretario Xeral de Política Lingüística; D. Alberto Pazos Couñago, deputado provincial da Deputación de  Pontevedra; D. Xosé Antón Gómez Segade, catedrático de Dereito da U.S.C.e membro do xurado deste ano e D. Xosé González Martínez, presidente da Fundación Lois Peña Novo.


Para D. Francisco Fernández del Riego, que foi presidente honorífico da Fundación Peña Novo, tívose no acto unha lembranza de agradecemento e agarimo pola súa excepcional figura e polo apoio incondicional que sempre tivo para esta iniciativa cultural coa interpretación  dunha peza musical moi do seu gusto,   coa que el sempre remataba as xuntanzas cos amigos “A miña burriña”. Foi un momento emocionante que o público rubricou cos seus aplausos de recordo.

Entre o numeroso público asistente salientaba a presenza de  D. Luís García Mañá, Xefe Superior de Policía de Galicia e moitísimos outros compañeiros do Corpo Nacional de Policía que quixeron acompañar a un dos premiados: D. Xosé Rodríguez Cruz, policía nacional da Comisaría de Ourense.

Encontrábase tamén entre o público, D. Camilo Nogueira Román e a súa familia,  pai da profesora Dª. Alba Nogueira, outra das galardoadas deste ano.

D. Santiago Amor, alcalde do concello de Ames, recolleu o premio dese concello e estivo acompañado por moitos concelleiros do actual equipo de goberno e tamén da corporación anterior que moito tiveron que ver cos méritos que motivaron a concesión deste galardón.

Os múltiples méritos dos premiados foron maxistralmente expostos polo profesor Gómez Segade quen fixo coa súa oratoria unha densa  louva de cada un dele.

Foi un acto cheo e emoción no que se recoñeceu unha vez máis o esforzo e o traballo de persoas que dignifican a cotío a lingua galega en cadanseu ámbito profesional.

   


 



Reunidos na Pousada de Soutomaior o día 20 de maio de dous mil once, os membros do xurado dos Premios Peña Novo que na súa XVII edición estivo composto por  D. RAMÓN LORENZO VÁZQUEZ, Académico da R.A.G. e premiado da edición anterior,  que actuou como Presidente; D. XOSÉ ANTÓN GÓMEZ SEGADE, catedrático de Dereito Mercantil da U.S.C.; D. MIGUEL BARROS PUENTE, editor; Dª. Mª XOSÉ DEVESA FERNÁNDEZ, funcionaria do Concello de Valga; D. GONZALO AMOEDO LÓPEZ, escritor e membro da Fundación Lois Peña Novo que actuaron como vogais e Dª. CARME PÉREZ VAQUERO que actuou como secretaria,  logo de deliberaren sobre as propostas presentadas, acordan conceder os premios ao:


CONCELLO DE AMES, polo desenvolvemento dunha  política lingüistica dirixida ao fomento do uso do galego nun concello cunha poboación moi nova e na que existe unha porcentaxe nada desprazable de inmigrantes, sobre todo mulleres, que exercen un papel relevante na transmisión da lingua familiar.  Polo seu dinamismo na conformación de actividades culturais orientadas aos diversos estamentos que conforman a sociedade o que fai que os usos lingüísticos se consoliden e sexan modelo para os demais concellos de Galicia.
Dª. ALBA NOGUEIRA LÓPEZ,  profesora de Dereito Administrativo da U.S.C.,  pola súa traxectoria profesional no exercicio da docencia transmitindo ao seu alumnado os valores da identidade galega nun centro académico no que precisamente non prodigan exemplos de profesorado a prol da nosa lingua. Polas súas publicacións  e participación en congresos e simposios nos que defende o uso do noso idioma. Considera o xurado  que a súa aportación ao proceso normalizador exemplifica o papel da muller na defensa da identidade galega.
D. XOSÉ RODRÍGUEZ CRUZ, funcionario do Corpo Nacional de Policía na comisaría provincial de Ourense,  polo traballo desenvolvido ao longo de moitos anos defendendo a nosa lingua no seu  ámbito profesional e a través de múltiples traballos de investigación etnográfica e antropolóxica. O xurado manifesta que a súa actitude militante a favor do idioma galego no ámbito policial determina unha revalorización do feito diferencial galego no resto do corpo.


E sendo as 14,35 horas dáse por remata a xuntanza do que, como secretario do xurado dou fe, asinando ao pé os membros do Xurado.