facebook
 
     
InicioObxectivosAmbitos de actuaciónAcciónsActosActos: HemerotecaPublicaciónsNovasNovas: HemerotecaGaleria fotografica  
La Región - O DNI do Ribeiro
06/02/2017
Permítame, benquerido lector, que colla o nabo polas follas e dado que andamos correndo aventados na semana de Xantar, retome hoxe un asunto que hai uns días deixei atrás por mor doutras non desexadas urxencias reflexivas que reclamaron con prevalencia a miña escritura.
Antonio Piñeiro

A xeito de xornalismo cidadán de primeira fornada, un amigo de vello que ten fondas raíces chantadas no corazón desa terra, envioume a pasada semana unhas fotografías que tiñan que ver coa presentación, no Centro Cultural Marcos Valcárcel, da "precinta" (a miña ignorancia enolóxica descoñecía que se chamaba así) que agora identificará ós viños do Ribeiro polo mundo adiante.
 

Primeiro remitiume unha fotografía dun elegante deseño dunha copa debuxada con finos trazos de remedos de gabiáns (que son eses engedellados pauciños que lle serven ó cangallo para sosterse e trepar  polos arames do bacelo, e solear), dándome conta, así, do acto e preguntándome qué me parecía a nova imaxe coa que os viños do Ribeiro navegarán polos catro puntos cardinais.
 

Loxicamente, sen reparar en máis, asentín con entusiasmo pola creatividade por min intuída no devandito deseño da copa, que levaba -digo de paso- unha lenda de pé que dicía "Ribeiro, esencia galega".
 

Sen embargo, a noticia -ou, mellor dito, a chanza informativa- non estaba tanto nos altivos e trepadores trazos da copa, senón na propia etiqueta de control das botellas, o "Dni do Ribeiro", lin logo na súa páxina, onde se informa que está chamada a a "garantir a calidade e a trazabilidade de cada unha das botellas que saen ó mercado", dun xeito "harmónico e xenuíno, que aposta polo futuro".
 

Os que, coma min, coñecen de vello a Xosé González -compañeiro de páxina e doutras moitas teimas ó longo das nosas vidas-, saben de certo dos innumerables esforzos que dende o Foro Enrique Peinador ten levado a cabo para conseguir que ducias de viñateiros do Ribeiro transpiren polos mesmos poros da súa alma galega, tanto ó coidar con esmero as uvas, coma ó comercializalas en forma de viño, recomendándolles -ou facéndolles ver con irrefutables argumentos- que ó igual que no idioma da terra lles falan ás cepas cando camiñan sos polas viñas, así mesmo deben utilizar ese mesmo idioma cando lles toca comercializar o viño.
 

Ducias -como digo- de productores seguiron os seus emocionais raciocinios e hoxe é moi doado atopar na mesa de calquera lugar un Ribeiro etiquetado en galego, amosando orgulloso o idioma que naceu da mesma terra que alimenta os bacelos. Por iso chama poderosamente a atención que o "Dni" que o identifica estea escrito en castelán.Aínda que tamén é certo que a eiva ten doado remedio.