facebook
 
     
InicioObxectivosAmbitos de actuaciónAcciónsActosActos: HemerotecaPublicaciónsNovasNovas: HemerotecaGaleria fotografica  
Galicia Confidencial - Carlos Guitián e as lembranzas
13/04/2017
Hai uns días nunha sala do Liceo, presentado por Nemesio Barxa primeiro presidente da Asociación Cultural Auriense, Carlos Guitián falaba da súa andaina vital, e como non daquela fermosa experiencia asociativa que naceu en novembro de 1967 ó abeiro da lei de asociacións de 1964 en plena ditadura franquista. E facíao coa emoción de ter vivido ós primeiros pasos do espertar dun galeguismo proscrito ás catacumbas polo réxime que odiaba e menosprezaba a nosa cultura.
Manuel H. Iglesias

Este home miúdo, pero enérxico, relataba que fora en Cataluña nun congreso médico onde a súa conciencia galega espertou e con elo tamén o compromiso de defender a nosa personalidade  e ás xentes que falaban unha lingua  prohibida pola legalidade do momento. 
Así relatou, entre anécdotas, e valéndose de recordos e da prensa do momento, como se desenvolvía a vida naquel Ourense e a súa relación cos chamados vellos galeguistas. Otero Pedrayo, Ferro Couselo, Florentino Cuevillas e un longo número de persoas que apoiaban aquel proxecto, nunha cidade aterida polo frío das prohibicións dun réxime que controlaba todo agromar cultural alleo o “Movimiento.” Igualmente contaba como, certo día, canso de ver como os nomes dos nosos pobos,  aldeas e vilas eran brutalmente deturpados, tomou a decisión, pincel en man, xunto coa súa dona,  de corrixir os nomes espallados pola xeografía ourensá. Iniciativa  que logo se espallou por toda a nosa terra poñendo de releve un problema ate o momento calado por medo á represión.  O xornalista galego  Fernado Ónega no xornal Arriba diciá: unha man oculta e anónima  corrixe os nomes castelanizados, polo que algo acontece en Galicia cando a xente non se identifica cos nomes oficiais e sigue a chamarlle ós lugares co nome que  sempre tiveron.
 
Carlos Guitián foi neses anos un home  teimudo pois, seguindo o seu compromiso coa terra e cos vellos galeguistas,  coa súa rebeldía  demostrou o seu amor e constancia  pola mesma.  E optou por loitar pola  dignidade da lingua dun país e das súas xentes cando   todo  o galego era  ridiculizado en distintas partes e lugares  pola vida oficial gobernante. E nesa loita pola dignificación do idioma  incorporou o galego  falado e escrito  a  súa vida  profesional  e nos  informes sanitarios. Participou na vida política como candidato ó Concello polo PSG, partido socialista Galego, e posteriormente no BNG, e animou e axudou en cantidade de reivindicacións de temas sociais e políticos que acontecían nos anos posteriores á  chegada da  democracia.
 
En fin, Guitián, para moitos foi un modelo de persoa que, procedendo dunha familia acomodada, optou por tomar parte  a favor dos  que naquel momento eran os menosprezados.
 
 A charla amable, evocadora e chea de lembranzas, onde saíron á luz cuestións descoñecidas para a maioría social desta cidade á que fixen referencia ó comenzo, foi un acto máis para coñecer e escoitar a unha persoa positiva que con mente lúcida aínda ten hoxe moito que contarnos.
 
 Celebro que o próximo 29 de abril, cando iste senlleiro ourensán cumple 90 anos,  un grupo de amigos o agasalle cunha homenaxe, pois as persoas comprometidas socialmente   coa súa cidade e coa súa terra son merecentes do cariño, aprecio e distinción de todos.