facebook
 
     
InicioObxectivosAmbitos de actuaciónAcciónsActosActos: HemerotecaPublicaciónsNovasNovas: HemerotecaGaleria fotografica  
Premios Bacelos de Prata 2006
06/05/2006

O día 13 de maio de 2006 a Asociación Álvaro das Casas entregou, no Pazo dos Ulloa en Esposende-Ribadavia, os premios BACELOS DE PRATA  que recairon sobre ADEGAS TERRAS GAUDA, S.A. da denominación de orixe Rias Baixas e ADEGA CASAL DE ARMÁN,  da denominación de orixe Ribeiro.

Van xa dous anos desde que a Asociación Álvaro das Casas iniciou o proceso de galeguización do sector vinícola dentro da súa campaña Colleita 2004. Máis Galega no que se puxo en circulación un manifesto que asinaron máis de cen personalidades da vida cultural, económica, política e institucional de Galicia e co que se pretendía poñer en valor os produtos da terra en conxunción coa nosa lingua e cultura.

A receptividade non puido ser mellor: axiña constatamos o aumento de galeguización na etiquetaxe dos envases dos nosos viños. Esa receptividade é a que nos anima a seguirmos incidindo no sector vinícola seguindo as liñas reivindicativas que se debatiron no primeiro congreso de economía galega celebrado en Lugo no ano 1925, onde se reivindicou a creación dunha estación enolóxica no Ribeiro e querendo ser continuadores da obra de Don Álvaro das Casas quen, en xaneiro de 1936,  creou a UCRA que pretendía agrupar aos pequenos colleiteiros para melloraren a calidade dos viños e licores derivados, animando a súa comercialización e imaxe, dentro das coordenadas dunha denominación de oríxe galeguizada.

O acto estivo presidido polo Conselleiro do Medio Rural, D. Alfredo Suárez Canal que fixo entrega do premio a D. Xosé María Fonseca Moretón, presidente das Adegas Terras Gauda; polo Fiscal Xefe do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, D. Carlos Varela García quen fixo entrega do premio ao propietario da adega Casal de Armán; por D. Marcos Blanco Jorge, Alcalde de Ribadavia; por D. Xosé Carlos Sierra, Delegado de Cultura en Ourense e por D. Avelino Muleiro García, Presidente da Asociación Álvaro das Casas.

Acompañaron o acto personalidades de distintos ámbitos galegos como o Director xeral de Estruturas agrarias da Xunta de Galicia, D. Xosé M. Carballido Presas ou o Xefe Superior de Policía de Galicia, D. Luís Manuel García Mañá entre outras moitas persoas vidas desde distintos lugares que quixeron acompañar aos premiados nesta xornada.

Pechou o o acto Don Alfredo Suárez Canal, Conselleiro de Medio Rural e a Coral de Leiro interpretando o himno galego.

No patio do Pazo dos Ulloa degustáronse, baixo os raios dun sol primaveral,  os viños Casal de Armán (tinto) e Abadía de San Campio (branco) das adegas premiadas.

 

 



Sendo as  13,00 horas do día 8 de abril do ano 2006 reúnese no Pazo dos Ulloa, en Esposende-Ribadavia, o xurado dos premios BACELOS DE PRATA que nesta III edición estivo composto por D. Avelino Muleiro García, Presidente da Asociación Álvaro das Casas,  D. Patricio Sánchez Bello, director da Escola Universitaria de Empresariais de Vigo e colleiteiro; D. Xosé Lois Sebio Puñal, enólogo e representante da adega “Coto de Gomaríz”, premiada edición anterior; D. Manuel Outomuro Seara, secretario da Delegación provincial  da Consellería de Medio rural en Ourense; D. Frutos Fernández González, profesor de química; D. Francisco J. Fernández Pérez, farmaceútico e alcalde Leiro; D. Adolfo Collarte Pérez, enxeñeiro técnico agrícola  e actuando de secretaria Dª. Carmen Pérez Vaquero, Secretaria da Asociación Álvaro das Casas;  logo de deliberaren sobre as propostas presentadas acordaron outorgar os  premios BACELO DE PRATA  2006 a:

 
ADEGAS TERRAS GAUDA, por ser unha adega representativa e pioneira en Galicia na utilización de referentes lingüísticos, xeográficos e persoais, na etiquetaxe das súas marcas máis emblemáticas: ABADÍA DE SAN CAMPIO e TERRAS GAUDA, os dous viños de grande calidade e recoñecido prestixio internacional e pola utilización da lingua galega no seu etiquetado e na publicidade que fai nos distintos soportes publicitarios, incluso en revistas especializadas fóra das nosas fronteiras promocionando, deste xeito, a cultura e lingua de Galicia.
ADEGA CASAL DE ARMÁN, por utilizar na súa marca máis significativa: CASAL DE ARMÁN, de calidade recoñecida, a lingua galega no seu etiquetado e publicidade. Asimesmo, considera o xurado que a súa sensibilización cara á utilización do noso idioma reforza a identidade cultural da zona do Ribeiro.