O día 3 de maio de 2008 a Asociación Álvaro das Casas entregou no Pazo dos Ulloa en Esposende-Ribadavia e por quinto ano consecutivo, os premios BACELOS DE PRATA que nesa edición recairon sobre as adegas ALGUEIRA, da denominación de orixe Ribeira Sacra, e MARTÍN CÓDAX, da denominación de orixe Rias Baixas.
Eran as 12.30 horas e na adega do Pazo, ateigada de xentes vidas desde distintos puntos de Galicia para compartir coas adegas premiadas o proxecto da galeguización do sector vinícola, iniciouse o acto para festexar a receptividade dos nosos adegueiros á proposta feita pola Asociación Álvaro das Casas que está provocando que emerxa unha identidade oculta, mergullada por mor de prexuízos lingüísticos e ideolóxicos que lle negaban á lingua galega o poder de comunicación que hoxe está tendo cos consumidores.
A Coral de Leiro, dirixida de xeito inmellorable polo noso benquerido amigo e asociado Celso Domínguez, interpretou ao longo de todo o acto cantigas populares e rematando cunha fermosa interpretación do Himno Galego.
Álvaro das Casas era un visionario. Xa no ano 1931 falaba cos adegueiros do Ribeiro para insistirlles na necesidade de que os viños tivesen calidade e expresión de calidade. Hoxe os nosos adegueiros seguen claramente, e de seguro sen sabelo, a súa mensaxe: Sen un cultivo responsable, levando as viñas á abas dos montes e retirándoas do val, cunhas castes autóctonas que respondan perfectamente á nosa climatoloxía e unhas artes de recollida e produción axeitadas, o sector vinícola non tería futuro.
Se a iso lle engadimos a lingua, como valor engadido no produto final, temos o que Alvaro das Casas pretendía:
“viños de calidade con sinal de identidade”
Para facer máis clara a mensaxe que a Asociación Álvaro das Casas pretende elaborouse un micro-documental que se proxectou no acto e onde se observa iso que estamos a dicir, a cultura do viño, a súa industrialización e como non, a relación entre o viño, a lingua e a cultura.
O acto que estivo presidido polo Fiscal Superior de Galicia, D. Carlos Varela García; por D. Antonio Oca Fernández, Director Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria; por D. Xosé Carlos Sierra, Delegado Provincial de Cultura en Ourense; por
Dª. Cristina Rubal González, Subdirectora Xeral de Política Lingüística; por D. Anxo Collarte Pérez, tenente de alcalde do Concello de Ribadavia e por D. Avelino Muleiro García, Presidente da Asociación Álvaro das Casas.
Despois do acto celebrouse un xantar no Pazo de San Damián no que numeroso público asistente acompañou aos premiados nesta agradable xornada.