facebook
 
     
InicioObxectivosAmbitos de actuaciónAcciónsActosActos: HemerotecaPublicaciónsNovasNovas: HemerotecaGaleria fotografica  
As xeiras dos Ultreia

Cando o galeguismo estaba a coller pulo na primeira década do século pasado, un profesor de instituto, Álvaro das Casas, ideou e creou un movemento xuvenil que ao pouco tempo chegou a ter preto de dous milleiros de afiliados. Foi así como organizou, a partir dun primeiro grupo no instituto de Noia, en 1932, a Asociación Xuvenil Ultreia, da que foi secretario xeral don Francisco Fernández del Riego.

Formaron parte dos Ultreia moitas personalidades que co paso do tempo tiveron relevancia profesional e cultural. “A Universidade está en críse. As nosas mocidades teñen que sentirse fondamente nacionalistas e limpamente internacionalistas para acometeren a gran tarefa de restaurar a Galicia doutrora, soberán dos seus destinos, xogando na órbita de tódolos pobos, luceiro con luz propia na constelación de tódalas patrias... Cómpre aspirar a que o rapaz galego, independentemente de que nacera en Ourense ou en Corcubión, se sinta rexamente galego en calquera das terras do noso ámbito, e sentíndose medular, entrañablemente galego, consciente do que a súa patria fixo na historia do mundo, no desenrolo da civilización, do que debe e do que se lle debe, sinta a natural solidariedade humana cos homes de calquera outro país do mundo” -dicía Álvaro das Casas-.

O espírito do movemento Ultreia era formar aos mozos no amor á Patria, difundir a cultura galega, poñer en valor o noso patrimonio arqueolóxico e monumental, recopilar a tradición oral e poñer en marcha unha experiencia pedagóxica innovadora coa celebración das xeiras, que eran excursións a distintos puntos do País, na compaña dun grupo de profesores nas distintas ramas do saber. O xeólogo Isidro Parga Pondal, Cruz Gallástegui, Filgueira Valverde, Antonio Fraguas e outros moitos formaban parte do claustro daquela universidade itinerante.
Algúns xa morreron, como Xurxo Lourenzo, o irmán do "Xocas"; Remixio González Gándara, avogado; Ramón de Valenzuela; o xesuita Xaime Seixas, impulsor da normalización lingüística na liturxia católica e forxador de grupos galeguistas; Antón Beiras Garcia, que chegaría a ser un eminente oftalmólogo, foron algunhas das personalidades formadas no galeguismo dos Ultreia. Pero aínda viven Rufo Pérez, catedrático xubilado, Xaime Illa Couto, fundador da editorial Galaxia e Francisco Fernández del Riego para contalo.

Unha daquelas xeiras que foi  marítima, a bordo do “Joaquín Pérez” e duraría quince días. Saira de Muros e despois de navegar polas rías baixas rematou o seu periplo en Vigo. Foi en 1932. Daquela xeira quédannos os diarios dos alumnos, publicados na revista "Nós" e en "El Pueblo Gallego e o "diario de a bordo" de Álvaro das Casas, aínda inédito.








A Asociación Álvaro das Casas conxuntamente coa Fundación Premios da Crítica Galicia e co apoio económico da Consellería de Medio Ambiente -Dirección Xeral de Conservación da Natureza- e Caixa Galicia, quixeron revivir novamente a xeira marítima e facer a travesía que fixera D. Álvaro das Casas no ano 1932, esta vez con rapaces de distintos colexios do interior de Galicia.

O libro MAR ADIANTE, as xeiras dos Ultreia escrito e dirixido por Clodio González Pérez, con aporte gráfico e deseño de Pío García e prologado por Xosé Benito Reza, activo e intelixente defensor dos espazos naturais de Galicia e que  daquela  era Director Xeral da Natureza, relata ese novo periplo desde Muros ata Vigo a bordo da embarcación Nauja, un vello veleiro de orixe danesa reconvertido en universidade flotante.