facebook
 
     
InicioObxectivosAmbitos de actuaciónAcciónsActosActos: HemerotecaPublicaciónsNovasNovas: HemerotecaGaleria fotografica  
La Voz de Galicia - A primeira sentenza en galego da Audiencia
16/04/2019
Hoxe é bastante común atopar sentenzas e resolucións xudiciais en galego, pero o certo é que non foi ata hai tres décadas cando o principal órgano xudicial de Pontevedra empezou a empregar esta lingua

 

López Penide

Foi cualificado como un feito histórico pola prensa da época. Por primeira vez na súa historia, e máis de cen anos despois de que se creara por un real decreto, a Audiencia Provincial de Pontevedra emitiu a súa primeira sentenza en galego. Hoxe está totalmente normalizado o uso deste idioma na Xustiza, aínda que é certo que seguen a ser unha minoría os xuíces, maxistrados, letrados da Administración de Xustiza, avogados e fiscais que o utilizan no seu ámbito profesional. En todo caso, «cada vez son máis os que o empregan», apunta o presidente da Audiencia, Francisco Javier Menéndez Estébanez, ao coñecer esta efeméride.

O máximo representante da Xustiza a nivel provincial e titular da sección primeira, a mesma sala responsable daquela sentenza pioneira, remarca que o xudicial «está integrado e forma parte da cultura galega, coma calquera outro idioma técnico». Na actualidade, a Audiencia de Pontevedra dispón dun servizo de tradución especializado que tamén se encarga de corrixir as resolucións.

Pero isto é o presente. Hai apenas tres décadas a realidade era moi diferente. Para chegar a emitir aquela primeira resolución en galego foi preciso organizar un curso de iniciación e perfeccionamento no que tomaron parte medio centenar de funcionarios deste organismo xudicial. «Persoalmente, asistín ao cursiño de perfeccionamento que dirixiu o profesor Xesús López Fernández, que non só nos ensinou lingua galega, senón que nos ensinou a querela, estimala e amala», recordaba hai trinta anos quen era daquela o presidente da Audiencia, Félix Rodríguez García, quen, iso si, expresouse publicamente en castelán: «Quería pedirlles perdón por non pronunciar estas palabras en lingua galega. Son castelán e o meu galego non resultaría convincente, nin fluído, non obstante todo se andará».

 

Aquel primeiro fallo emitiuno a sala que presidía este último, polo que foi o propio Rodríguez García o encargado de darlle lectura. O protagonista da mesma: un mozo veciño de Vigo, que tiña 21 anos e de quen se di que era solteiro, instruído e estudante, «de profesión». O seu delito: un roubo con forza na discoteca Puente Samil, situada na contorna da praia.

O tribunal considerou acreditado entón que, tras acceder ao interior do local a través dunha fiestra, o sospeitoso fíxose con diversos compoñentes de equipos musicais, así como con trinta discos, e un botín valorado no seu conxunto en 250.000 pesetas -algo máis de 1.500 euros ao cambio actual-. Durante a investigación do roubo, todos estes efectos foron localizados na casa do acusado, polo que puideron ser reintegrados polas forzas da orde ao seu lexítimo propietario.

A sentenza: condenado

Tanto a Fiscalía como a defensa recoñeceron a autoría do procesado, pero diferiron na pena que se tiña que impor. Mentres esta última instaba unha condena de seis meses, o ministerio público elevábaa ao ano de prisión menor e ao pago dunha indemnización de trescentos euros de hoxe. Finalmente, o tribunal adoptou as teses da defensa e castigou ao mozo con seis meses e un día de cárcere, ao tempo que o declaraba insolvente.

Na lectura daquela sentenza estiveron presentes, ademais de Félix Rodríguez, o delegado provincial de Política Lingüística, Maximino Vicente Terceiro, os docentes que impartiran o curso, Xesús López Fernández e Xulio Ayán Vázquez, e a daquela secretaria xudicial, María Jesús Prieto Toranzo.

 

Trinta anos despois Prieto Toranzo continúa adscrita á Audiencia de Pontevedra, pero xa non se ocupa de temas penais, senón que está nunha das seccións de civil e xa non é secretaria xudicial despois de que unha recente reforma da Lei Orgánica do Poder Xudicial pasase a definir este corpo como letrados da Administración de Xustiza.

Maxistrados como José Juan Barreiro, Miguel Aramburu ou Xermán Varela adoitan empregar o galego en Pontevedra en toda clase de resolucións, como maxistrados da Audiencia, dun xulgado do penal e doutro de instrución, respectivamente.

Novas iniciativas reivindicativas

O emprego do galego na Xustiza segue de actualidade 30 anos despois. A Irmandade Xurídica Galega está impulsando toda clase de homenaxes e recoñecementos aos maxistrados que foron pioneiros en cada partido xudicial á hora de empregar o galego nas súas resolucións. Faino coa colaboración dos gobernos locais de toda cor política.