facebook
 
     
InicioObxectivosAmbitos de actuaciónAcciónsActosActos: HemerotecaPublicaciónsNovasNovas: HemerotecaGaleria fotografica  
EN MARÍN COA LINGUA DE LEI
15/03/2019
Marín, porto da ría de Pontevedra e cabeceira dun partido xudicial no que a lingua galega é falada pola inmensa maioría da súa poboación, acolleu a celebración dun novo acto conmemorativo das primeiras sentenzas ditadas en galego nos seus xulgados.

Marín, porto da ría de Pontevedra e cabeceira dun partido xudicial no que a lingua galega é falada pola inmensa maioría da súa poboación, acolleu a celebración dun novo acto conmemorativo das primeiras sentenzas ditadas en galego nos seus xulgados.

O presidente da Irmandade Xurídica Galega, Xoaquín Monteagudo, referíuse ao carácter pedagóxico destas celebracións  buscando a complicidade do persoal dos xulgados, operadores xurídicos, institucións locais e cidadanía para implicalos na galeguización xurídica.

O avogado e membro da Irmandade Xurídica Galega, Avelino Ochoa, fixo un percorrido histórico polas vicisitudes da lingua galega no foro salientando os atrancos e ao tempo chamando a participar nun desenlace optimista da lingua galega nos usos xurídicos.

O maxistrado Xermán Varela evocou os seus tempos ao fronte do xulgado salientando anecdóticamente o alto grao de uso do galego por parte dos xustizables, que non dubidan utilizalo no Xulgado, sempre que o xuíz fose o primeiro en facelo. De aí a importancia que ten que os xuíces e funcionarios sexan os primeiros en expresárense na nosa lingua.
A maxistrada Sandra Piñeiro salientou o papel  fundamental  das xuizas e xuices para conseguir que os xustizables perdan o medo de falaren en galego en sede xudicial.

O Secretario Xeral de Política Lingüística respondeu á demanda que lle fixeron os xuíces homenaxeados de prover de ferramentas informáticas aos xulgados para conseguir que os procedementos xudiciais se poidan substanciar en lingua galega, indicando que, ao tempo, tamén é importantísima a vontade persoal do funcionariado no seu uso.

Pechou o acto a alcaldesa de Marín agradecendo a celebración do acto no seu municipio, recoñecendo na súa intervención que a lingua galega ten problemas que son intrínsecos do devalar histórico e apelando a súa superación.
Ao remate descubríuse unha placa colocada no vestíbulo dos edificios dos xulgados en conmemoración destes feitos.