facebook
 
     
InicioObxectivosAmbitos de actuaciónAcciónsActosActos: HemerotecaPublicaciónsNovasNovas: HemerotecaGaleria fotografica  
Lingua de lei
13/04/2018
Os xulgados de Caldas de Reis foron os protagonistas desta xeira promovida pola Irmandade Xurídica Galega coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, para conmemorar as primeiras sentenzas ditadas naqueles órganos xurisdicionais polos maxistrados Manuel A. Pereira Costas, Dalila Dopazo Blanco e Encarna Dasi Dorelle.


Os xulgados de Caldas de Reis foron os protagonistas desta xeira promovida pola Irmandade Xurídica Galega coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, para conmemorar as primeiras sentenzas ditadas naqueles órganos xurisdicionais polos maxistrados Manuel A. Pereira Costas, Dalila Dopazo Blanco e Encarna Dasi Dorelle.
 


Comezaron os actos coa descuberta dunha placa conmemorativa situada na entrada do edificio na que queda constancia deste feito histórico para a Vila e a Administración de Xustiza.
 


Máis de 135 persoas concorriron á convocatoria que proseguíu no auditorio municipal. A numerosa participación estaba formada polos funcionarios dos xulgados, operadores xurídicos do partido xudicial, fiscais, xuíces, corpos de seguridade e alcaldes dos concellos da comarca.
 
O presidente da Irmandade Xurídica Galega, Xoaquín Monteagudo Romero, abríu a quenda de intervencións sinalando que esta xeira de rcordanza histórica ten como finalidade concienciar ao mundo do dereito e funcionariado xudicial da importancia que ten a súa contribución para normalizar a lingua galega nestas institucións pública. Ao tempo, fixo fincapé na importancia que ten para este proceso galeguizador a vontade persoal de todos e cada un dos servidores público, como aconteceu nas oficinas xudiciais de A Fonsagrada, Cangas e Cambados, onde xa se celebraron actos semellantes, que han ter continuidade nos próximos meses nos xulgados de Ribeira, A Estrada, Lalín, Noia, Corcubión, Carballo… onde xuíces, avogados e funcionarios deixaron a pegada da mentada vontade galeguizadora.
 


Os maxistrados don Manuel Pereira Costas e Encarna Dasi Dorelle, tiveron palabras de agradecemento para os funcionarios xudiciais pola súa colaboración nas tarefas profesionais, desculpando a ausencia da maxistrada dona Dalila Dopazo Blanco, que non puido acudir ao acto.  Ambos os dous xuíces expresaron o seu desexo de que os seus exemplos fosen secundados por outros, dándolle á lingua galega a oportunidade que lle corresponde a teor do rango oficial que ten o noso idioma.
 
En idénticos termos expresouse o maxistrado don Xermán Varela Castejón, compañeiro de promoción, ao informar que  desde que entrou na carreira xudicial, hai ao pé de vinte anos, vén  desenvolvendo a súa actividade profesional en galego con toda naturalidades en tan dilatado tempo.
 


Don Luciano Varela Castro, maxistrado do Tribunal Supremo, tamén tivo unha emotiva e ben documentada intervención facendo un percorrido polo relato da galeguización xudicial da que el foi tamén un protagonista de excepción mentres exerceu a súa función xudicial en Pontevedra, primeiro nos xulgados e despois na Audiencia Provincial.
 


Os alcaldes os concellos do partido xudicial asinaron a “Declaración de Caldas de Reis”, que recolle o compromiso de que tanto as policías locais como as asesorías xurídicas, propias ou externalizadas, utilizarán a lingua galega nas relacións cos xulgados.

Galería fotográfica