facebook
 
     
InicioObxectivosAmbitos de actuaciónAcciónsActosActos: HemerotecaPublicaciónsNovasNovas: HemerotecaGaleria fotografica  
MIL FESTAS MÁIS PARA A LINGUA GALEGA 2015
A festas galegas son algo máis que espazos lúdicos; son conmemoracións organizadas por candasúa comunidade parroquial respectando a idiosincrasia do lugar, e a elas acúdese anualmente para, no dicir dos antropólogos, reencontrarse coa identidade familiar e os amigos. A paisaxe, que en Galicia ten unha forza telúrica, está presente ofrecendo escenarios naturais para as romarias e procesións relixiosas.
 
Galicia é un país de milleiros de celebracións festivas, cada unha coa súa singularidade, sexa relixiosa ou non. Mais esa singularidade comezou a seren fagocitada polas novas formas de lecer, ata o punto de uniformizar e marxinar aquilo que o imaxinario popular creou e mantivo durante séculos. Tales formas de proceder deberan ser reconducidas para recuperar as peculiaridades propias e devolverlle ao calendario festivo galego os seus matices e elementos diferenciadores.
 
A iniciativa das “Mil festas máis para a lingua galega” quere incidir nesta tarefa urxente de saírmos desa tónica uniformizadora que marxina as nosas tradicións seculares. A música popular, se non desaparece, minimízase nos programas; as orquestras irrompen cos ritmos modernos sen faceren o esforzo sequera de galeguizar o seu repertorio, nin tampouco creando “ex novo”  pezas musicais no noso idioma que entronquen cos gustos populares.
 
A Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia fai propostas concretas para que as comisións de festas e concellos que tamén as organizan, incorporen aos programas aqueles elementos definidores da cultura local para procurar o seu rescate e posta en valor, facendo as festas máis propias e participativas.
 
Os valores patrimoniais etnográficos, musicais e tradicionais, que teñen tamén nas construcións (igrexas, muiños…) elementos que definen o territorio, deben integrarse na escenificación,  fuxindo das programacións inzadas de espectáculos alleos que provocan un lecer que en nada contribúe a súa preservación.
 
As nosas tradicións son antigas e ao tempo modernas e con gran futuro. De todos nós, nomeadamente das comisións organizadoras das festas, depende que sexan máis de noso e nos poidamos identificar con elas.

 
Mil festas máis para a lingua galega (descargar publicación)