Reunidos na Pousada de Soutomaior o día 29 de maio de 2014 ás 12:00 horas os membros do xurado dos Premios Peña Novo que na súa XX edición.

Estivo composto por D. JOSÉ MARÍA BARJA PÉREZ, Catedrático de matemáticas e ex-reitor da UDC que actuou como Presidente; Dª. INMA LÓPEZ SILVA, Doutora en filoloxía galega e escritora; D. CLODIO GONZÁLEZ PÉREZ, Etnógrafo e escritor, premiado na edición de 2013; Dª. CELIA SOTO ESPIÑA, Xefa dos servizos lingüísticos da Deputación Provincial de Pontevedra; D. LUÍS GARCÍA MAÑÁ, Comisario principal do C.N.P.e escritor que actuaron como vogais e Dª. CARME PÉREZ VAQUERO, secretaria da Fundación Lois Peña Novo que actuou de secretaria do xurado, logo de deliberaren sobre as propostas presentadas acordan conceder os premios deste ano a:
D. JORGE MIRA PÉREZ, Catedrático de Física aplicada da USC, polo compromiso persoal que desde hai anos exerce coa incorporación da lingua galega na docencia universitaria nunha especialidade científica na que non abundan exemplos. Polo seu constante traballo de divulgación científica en galego poñendo a ciencia ao alcance de todos, conseguindo un perfecto equilibrio entre o que semella só apto para uns poucos. Polo esforzo que supón o mantemento do programa Conciencia que acerca figuras de renome internacional á sociedade asi como polo traballo de divulgación que fai a través fundamentalmente dos medios de comunicación, sempre en galego. Considera o xurado que ninguén coma el logrou achegar a ciencia á xente non experta sendo un exemplo a seguir dentro da comunidade universitaria.
AO COLEXIO OFICIAL DE TRABALLO SOCIAL DE GALICIA, entidade que representa a un amplo colectivo profesional en Galicia que traballa a cotío procurando a equidade e a igualdade social, sendo en numerosas ocasións o enlace coas persoas máis desfavorecidas e vulnerables da sociedade. Pola aposta que desde hai anos fixo na utilización do galego como única lingua vehícular do Colexio que utiliza e usa nas comunicacións tanto internas como externas que se trasladan á sociedade, así como na organización e no desenvolvemento da formación continua entre os colexiados o que provoca unha gran dinamización entre o amplo colectivo que representa. Considera o xurado que co seu exemplo amplíase o abano de sectores que utilizan a lingua supoñendo un gran acicate impulsor do galego na sociedade.
A Dª. DALILA DOPAZO BLANCO, maxistrada no Xulgado do Social nº 3 de Lugo, pola súa traxectoria persoal de compromiso permanente coa defensa da lingua galega no eido xudicial desde o mesmo momento no que entrou a formar parte da carreira xurisdicional. Pola traxectoria impecable do seu traballo no que descata como especialista en Dereito Civil galego así como unha interesante produción científica en cuestións de Dereito de Familia e sucesións, Dereitos lingüísticos e sobre todo estudos sobre A igualdade de xénero e non discriminación. Considera o xurado que o seu exemplo, a pesar da súa xuventude, é importantísimo e necesario nun sector tan desgaleguizado como o xurídico que necesita de constantes apoios.
E sendo as 14,30 horas do día indicado no encabezamento, dáse por rematada a xuntanza do que como secretaria dou fe, asinando a acta xunto co presidente do xurado.