

Na tardiña do derradeiro xoves do mes xuño foron entregados no Castelo de Soutomaior, os premios PEÑA NOVO que nesta ocasión recairon na xuiza Dª. Ana López Suevos-Fraguela, no concello de Rianxo e no Grupo Academia Postal.
O acto celebrouse no salón nobre do fermoso castelo medieval, ateigado de xentes procedentes de toda Galicia, que se achegaron a Soutomaior para acompañaren aos premiados nesa agradable tarde de verán.
A presidencia do acto, constituida por Dª. Salomé Álvarez Blanco, Secretaria da Mesa do Parlamento de Galicia; D. Xesús Pablo González Moreiras, Director Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia; D. Demetrio Fernández López, Presidente do Consello Galego de Relacións Laborais; D. Valentín Arias López, escritor; D. Miguel González Trigás, Decano do Colexio de Avogados de Ourense; e D. Antón Fernández, Vicerreitor da Universidade de Vigo no campus de Pontevedra, que se dirixíu ao público cunhas fermosísimas palabras.
O Grupo de harpa celta AREOULA, dirixido por Isaac Millán Lledó, foi o encargado de poñerlle a nota musical ao acto interpretando adaptacións de música medieval e tradicional que resoaron magnificamente entre os muros de pedra do castelo.
Ao remate do acto os asistentes poideron compartir, entre a vexetación abondoso dos xardíns do castelo, un viño galego na honra dos galardoados.

En Soutomaior, sendo as 12.30 horas do día 20 de maio de 2003, reúnese na Pousada do Castelo o xurado da IX edición dos Premios LOIS PEÑA NOVO, constituido por
D. Xosé Antón Gómez Segade, catedrático de Dereito mercantil da Universidade de Santiago de Compostela, que actuou como Presidente;
Dª. Salomé Álvarez Blanco, Vicepresidenta do Parlamento de Galicia;
D. Valentín Arias López, escritor;
D. Antón Fernández Álvarez, Vicerrector de Organización académica da Universidade de Vigo;
D. Rosalino González Serodio, Secretario xudicial do Xulgado de Instrucción núm. 6 de Vigo (premiado edición anterior);
D. Bieito Ledo Cabido, editor, como vogais e actuando de secretaria do mesmo
Dª Carme Pérez Vaquero, secretaria da Fundación Lois Peña Novo, logo de deliberaren sobre as propostas presentadas, deciden conceder os Premios Lois Peña Novo nesta edición a:
A DONA ANA LÓPEZ-SUEVOS FRAGUELA, Maxistrada do Xulgado do Social núm. 2 de Santiago de Compostela, polo uso continuado da lingua galega no procedemento xudicial, tanto na escrita como na fala, fomentando e estimulando deste xeito a súa normalización no ámbito xudicial.
Ó GRUPO ACADEMIA POSTAL, pola transcendencia que ten para o País que os seus alumnos, que son varios milleiros, dispoñan, como ferramenta esencial de traballo, de textos en lingua galega que proxectan o uso da lingua nos máis diversos ámbitos profesionais.
Ó CONCELLO DE RIANXO, por ser un dos concellos que dende hai moitos anos ten totalmente normalizada en galego a vida administrativa, pola defensa feita dos valores culturais que reforzan a identidade do noso Páis e, por manter viva e vizosa a lembranza representada en insignes devanceiros dos que se coida agarimosamente a memoria.
 |
Dª ANA LÓPEZ-SUEVOS FRAGUELA (Maxistrada do Xulgado do Social nº 2 de Santiago): polo uso continuado da lingua galega no procedemento xudicial, tanto na escrita como na fala. |
 |
GRUPO ACADEMIA POSTAL: pola transcendencia que ten para o País que os seus alumnos dispoñan como ferramenta esencial de traballo, textos en lingua galega. |
 |
CONCELLO DE RIANXO: Por ser un dos concellos que dende hai moitos anos ten normalizada en galego a vida administrativa así como pola defensa dos valores culturais que reforzan a identidade do País. |
OS TRES MERLOS E AS NOVE CERDEIRAS DO SOUTOGRANDE DAS CARACOCHAS
Ben andado a primavera, case a punto de boquexar, tiven que ir á aldea do meu pai, alá na ribeira do río Sil. Facía ben de tempo que non ía por alí. Entre os recantos que fun visitar, pasei polo souto grande de “Pedre” ou “Souto das caracochas”, que é como lle chamabamos nos de pequenos. É un souto ateigado de vellos castiñeiros, a maioría deles co seu toro feito unha enorme caracocha, que de cativos utilizabamos para xogar ás agochadas.
No souto –non se sabe moi ben como foi dar alí- había tamén unha cerdeira, desas que dan cereixas das da onza e que saben que raben. No tempo das cereixas meu pai rompíanos a cabeza: que se tiñamos que ir de cando en vez a cuidar de que os merlos non as amolasesn; que se as picaban todas e logo non valína para vender na feira.
E os vellos do lugar veña a tolearlle a cabeza ao meu pai: que que pintaban alí unhas cerdeiras; que se aquel non era sitio para as cerdeiras; que se o sitio para as cerdeiras estaba nas sebes ou nas hortas. Que se isto, que se aquello. Que se nunca tal se vira. Que a quen se lle contara: unha cerdeira na caracocha dun castiñeiro.
¡Maldita cerdeira e o orelo que a atou!. Tanto lle encheron a cabeza ao meu pai que un día pola sesta, canso xa de tódalas andrómenas, colleu a serra –unha desas de aire- e alá deu cos ósos da cerdeira en rechas para o inverno. Aquelo foi un alivio: os vellos calaron de vez e, nós, os rapaces, xa podiamos xogar outra vez no souto das caracochas sen preocupármonos nin da cerdeira nin dos merlos.
Pero, -sempre hai pun pero- velaía que un grupo de merlos, tres algo pillabáns eles, deixaran carabuñas de creixa noutras tres caracochas dos castiñeiros do souto grande de “Pedre” e, ¡alá vai!, de sótaque empezaron a agromar novas cerdeiras dentro das caracochas dos castiñeiros do souto grande de “Pedre”. E claro, outra vez o lío: que se as cereixas, que se os merlos… Que se aquel non era o sito para as cerdeiras. Que se alí, á sombra dos castiñeiros, as cerdeiras non ián a ramo, porque a sombra dos casteiñeiros é branca e, xa se sabe, a sombra branca non é boa nin para dirmi-la sesta. Que se isto, que si aquello.
Facía ben de anos que non volvera polo souto grande de “Pedre”. O outro día, no esmorecer da primavera, volvín e cal non sería a miña sorpresa: alí estaban, chantadas e ben ergueitas. Unha, dúas, tres…ata nove cerdeiras ben ateigadiñas de flor. ¡É que arrecendo! Daba gusto encher o peito de ar.
Xa se sabe. Os vellos non sempre teñen razón. Ata hai algún –dixéronme- que con desemulo vai fitar ás agochadas a ver se ve agromar algunha nova cerdeira. Por certo, díxome un merlo –ou merla, quizais- que o ano que ven, no tempo das cereixas, ían deixar novas carabuñas noutras caracochas do souto grande de “Pedre”.
E…, e todo isto a qué ven?. Pois vén –nin máis nin menos- a darlle-las gracias a estes tres merlos e merlas que, sen importarlle-lo que dixeran, fixeron do souto grande de “Pedre”, o das caracochas, un souto con arrecendo. ¡E que arrecendo!.
Ó mesmo tempo, quixera darlle o meu agradecemento á Fundación Lois Peña Novo, por coidalo souto, o das caracochas. Gracias por procuralo, por facela poda no seu tempo, por arrincarlle as silveiras e os fentos, por deixar que nel haxa un futuro para que poidan xogalos nenos e ata pasear e dormila sesta os vellos.
E gracias, como non, a todos vós por regar, ano a ano, coa vosa presencia este vello souto. Polos azos que, ó cair a primavera, no tempo das cereixas, lles dades ós merlos e merlas para que deiten unha nova carabuña en calquera das caracochas e agromen novas cerdeiras no souto grande de “Pedre”.
Antón Fernández