facebook
 
     
InicioObxectivosAmbitos de actuaciónAcciónsActosActos: HemerotecaPublicaciónsNovasNovas: HemerotecaGaleria fotografica  
MIL FESTAS MÁIS PARA A LINGUA GALEGA
05/06/2014
Chega o verán e con el a programación das máis de sete mil festas que se organizan nas parroquias, vilas e cidades galegas. Esa cífra é moi doada de calcular: temos un mapa de 3.750 parroquias; cada unha, maiormente, fai dúas festas anuais, se ben é certo que hai moitas parroquias que están desertas e nelas xa non hai actividade festeira, a súa porcentaxe está cuberta por outras de carácter histórico, gastronómico, etc.
Xa que logo, as festas en Galicia moven inxentes cantidades de diñeiro destinados a contratacións de actividades musicais e doutro tipo. Arredor delas móvese unha industria moi variada: foguetería, luminotecnia, transporte, músicos, atracións, etc.
 
As máis das veces os cartos investidos na organización das festas populares serve para agredir a nosa tradición cultural pola incorporación de elementos alleos que abeiran e minusvaloran os elementos esenciais da nosa identidade como pobo diferenciado con lingua de seu.
 
Por esta razón a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia vén convocando anualmente a campaña MIL FESTAS MÁIS PARA A LINGUA GALEGA que ten acadado éxitos notables. Abonda sinalar os dunha maior presenza da lingua galega na cartelería e tamén na aceptación do Himno Galego nos momentos cumes da liturxia católica na misa maior.

OS NOSOS RECURSOS NATURAIS NAS FESTAS.-

Aínda así queda moito que andar ata que as festas teñen cadansúa personalidade, fuxindo dos programas estereotipados que non son quen de aproveitar os recursos históricos, etnográficos, musicais... dos que Galicia é abondo farturenta.

As festas galega deben preocuparse por atopar cadansúa singularidade para ofrecerlle a propios e forasteiros o atractivo que fagan merecer. O respecto polas nosas tradicións débese manifestar nelas,  salientándoas para maior coñecemento e aprezo.

As MIL FESTAS MÁIS PARA A LINGUA GALEGA é un catálogo de propostas que se lles ofrecen ás comisións de festas para que o seu esforzo por organizalas non caia na rutineira presión que sobre elas exercen os intermediarios, ávidos de contratacións,  que non ofrecen máis que programacións repetidas.

A música, que tanta presenza ten nas festas populares,  debe ser obxecto de atención especial para que se interprete, alomenos en parte, en lingua galega, no caso dorepertorio das orquestras e tamén na incorporación das nosas formacíóns musicais autóctonas, que deben participar activamente nelas coa dignidade que son merecentes.

O grupo TREIXADURA, arredor do que xira este ano  a campaña das MIL FESTAS MÁIS PARA A LINGUA GALEGA, representa a exquisitez no tratamento musical e escénico do noso folclóre,  despois de 25 anos de existencia e traballo a prol da recuperación da música tradicional galega.  Velaí porque  o próximo día 20 de xuño, en colaboración co concello de Vilagarcia de Arousa e a Secretaría Xeral de Política,   levaremos a cabo a presentación da campaña no Auditorio do concello de Vilagarcía de Arousa situado na Avda. da Mariña ás 20:30 horas,  nun acto que terá como colofón un concerto de TREIXADURA. 

Será unha regalía escoitalos!
 


ARQUIVOS ADXUNTOS