facebook
 
     
InicioObxectivosAmbitos de actuaciónAcciónsActosActos: HemerotecaPublicaciónsNovasNovas: HemerotecaGaleria fotografica  
Xosé González Martínez / Mestre de vontade enerxética
31/03/2017
A xubilación expresa un berro de ledicia e relaciónase co peche dun ciclo de traballo feito. Así nolo confesa a súa etimoloxía. A fin dunha etapa pero non o derradeiro paso. Botar o ferrollo a un período laboral pero non languidecer nos compromisos adquiridos.
 
A data do 7 de abril de 2017 será unha xornada significativa para Xosé González Martínez. Tras case trinta e oito anos ao servizo do Concello de Redondela, chegoulle o intre en que deberá deixar o espazo físico profesional dende o que desenvolveu tantas iniciativas a prol da cultura de noso.
 
A implicación intensa de Xosé González coa vila que o acolleu determinou o seu alcume: Pepe de Redondela. Así é coñecido por toda Galicia. Porque á beira do Alvedosa foi capaz de amplificar a mensaxe galeguizadora, de incidir en espazos dispares, de aglutinar no común compartido (dende unha posición ideolóxica pero non partidista) con man transversal. A inxente cantidade de proxectos realizados dende Redondela xustifican o seu sobrenome.
 
Arredor das súas propostas acumuláronse persoas de traxectorias variadas, profesións distintas e mesma conciencia galega. Porque o noso protagonista as incorporou en diferentes estruturas co gallo de comprometelas na responsabilidade social e nacional. Todo cunha metodoloxía persistente, constante, moi reflexionada, de quen non se desacouga ante as portas pechadas porque ten o convecemento profundo da necesidade de facer o que fai.
 
Xosé González é un dos bos e xenerosos porque na traxectoria vital o alento do seu esforzo dirixiuse a galeguizar Galicia. O seu facer forma parte da nosa memoria democrática e nacional, do noso acervo cultural e lingüístico.
 
Toda esta entrega e dedicación continuada de Xosé González, sempre co pensamento na patria, merece o recoñecemento colectivo do pobo de Galicia. Por este motivo quixemos expresar o noso agradecemento con esta obra que recolle máis de medio cento de colaboracións que repasan a súa intensa vida, comezando pola infancia en Teis e a loita antifranquista chegando até as iniciativas máis recentes de normalización lingüística: Administración, etiquetaxe, empresa, festas...
 
O libro que ten vostede na man, concibido dende o agarimo e o respecto que nos merece a súa figura, é unha peza de homenaxe a Xosé González Martínez. As sinaturas que participan dan conta do alcance do homenaxeado. Estamos certos que a lectura axudará a conformar unha idea máis precisa da dimensión de Pepe de Redondela.
 
Xurxo Martínez González
Carme Vaquero
 


Descargar libro