facebook
 
     
InicioObxectivosAmbitos de actuaciónAcciónsActosActos: HemerotecaPublicaciónsNovasNovas: HemerotecaGaleria fotografica  
Relatos da paisaxe
28/01/2010
Ocorre as máis das veces que os viaxeiros van ollando a paisaxe, pero sen descifraren as causas, historia e circunstancias que a definen. Adóitase dicir —non é máis ca unha frase feita— que o viaxar arrequece a cultura. Iso depende. Se nos fiamos dalgunhas enquisas feitas sobre o coñecemento que os galegos temos do noso medio, a conclusión é ben distinta: vivimos nun País que non valoramos dabondo, porque o descoñecemos.
 
Otero Pedrayo, que  tivo que viaxar moito nos coches de liña, tiña por costume ilustrar o seu acompañante de todo o que os seus ollos albiscaban, de preto e de lonxe. Din os que gozaron da súa compaña naquelas demoradas viaxes polas estradas galegas que era unha regalía poder coñecer “sobre a marcha” todo o que quedaba fóra da xanela do autobús.
 
Relatos da Paisaxe pretende poñer ao alcance dos viaxeiros das empresas asociadas en Trabivus Noroeste unha primeira entrega de relatos literarios e á vez descritivos, que contribúan a coñecer máis os accidentes xeográficos, monumentos, tradicións, etc., que salfiren a nosa contorna. A suma de todos eles fan parte da nosa cultura, relatada en lingua galega, que resoou, resoa e resoará nos escenarios que se van sucedendo nas viaxes que se fan percorrendo as estradas.

A Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia e mais a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia poñen nas súas mans unha pequena colección de relatos escritos para esta acción por diversos autores, coa finalidade de divulgar e fomentar o uso da lingua galega.


Xoaquín Monteagudo Romero
Presidente da AFNLG

 

   
De camiño...

CLODIO GONZÁLEZ PÉREZ
(Cenlle - Ourense).
Viviu en Ponteareas, Vigo e agora en Santiago de Compostela. Profesor, historiador e etnógrafo. Membro do padroado do Museo do Pobo Galego, da sección de Antropoloxía Cultural do Consello da Cultura Galega, da Asociación “Álvaro das Casas”, etc. Premio nacional de xornalismo “Artes y Tradiciones Populares” do Ministerio de Cultura en 1983, 1984, 1985 e 1986; premio de investigación da Deputación de Pontevedra, 1987 e 1992;  “Curuxa de honra” do Museo do Humor de Fene, 1999. Autor de varios libros e colaborador en revistas especializadas e xornais.
 
De cómo cheguei á fin do mundo

GONZALO JAR COUSELO
(Lérez - Pontevedra, 1949-2009).
Xeneral de División da Garda Civil. Doutor en Ciencias Políticas e Socioloxía. Membro do Centro de Estudos de Dereito Internacional Humanitario da Cruz Vermella Española. Ten publicados varios libros e numerosos artigos: Modelo policial español y policías autónomas (Edit. Dykinson, Madrid, 1995), Las mujeres en la policía y en las fuerzas armadas. Especial referencia a la Guardia Civil (Edit. Instituto da Muller, Madrid, 1997), Modelos comparados de policía (Edit. Dikynson e Ministerio do Interior, Madrid, 2000), La protección de los periodistas en caso de conclicto armado (Edit. Tirant lo Blanch, Valencia, 2007).

 
Non hai resposta mellor có amor

XESÚS FERRO RUIBAL
(Rebón - Moraña, 1944).
Estudou Filosofía e Teoloxía no seminario de Santiago (1965) e Filoloxía Clásica en Roma (1969). Catedrático de latín, traballa en fraseoloxía no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. Membro numerario da Real Academia Galega, publicou libros e artigos de asuntos latinos, fraseolóxicos, sociolingüísticos e onomásticos. Foi un dos redactores do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (2004). Creou e dirixiu o microespazo de televisión Ben Falado (TVG 2008-2009). Participou con dous relatos nos Contos de Castromil (1992).
 
Novo amor en Arousa

XAVIER SENÍN FERNÁNDEZ
(Pontecesures - Pontevedra, 1949).
Catedrático de bacharelato de francés. Foi subdirector xeral de Promoción Cultural, do Libro e Bibliotecas de 1987 a 2006. Foi vicepresidente da Asociación de Traductores Galegos e Presidente da Organización Española para el Libro Infantil y Juvenil (OEPLI). Responsable da edición galega de O Correo da Unesco desde 1989 ata 2001. Impartiu cursos de lingua galega co Instituto de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago e coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Corrector lingüístico, autor e coordinador de libros de texto, leva traducido para galego ao pé de cen títulos, fundamentalmente de literatura para a infancia. Mantén dúas colaboracións semanais en El Correo Gallego baixo o título xenérico de Devagar.
 
O autobús sempre para en Teís

GONZALO AMOEDO LÓPEZ
(Redondela, 1959).
Policía local no concello de Redondela. É autor ou coautor, entre outros, de Don Juan Manuel Pereira de Castro, paralalelismos con don Juan Manuel de Montenegro (R. Cuadrante, 2001); A prensa en Redondela, aproximación histórica 1883-1993 (Xerais, 2001); Redondela, crónica dun tempo pasado; A Segunda República e o primeiro franquismo (E. do Castro, 2002); Arredor de nós. Historia da Policía local de Redondela 1863-2000 (2003); A taberna de Nador (2004); Memorias de Manolo Barros. Autobiografía dun militante comunista (Fundación 10 M, 2006); Episodios de terror durante a guerra civil na provincia de Pontevedra. A illa de San Simón (Xerais, 2007); Unha historia que ninguén contara no libro Palabra por Palabra. Contos da Policía (Ir Indo); autor de guións para documentais, colaborador habitual en prensa  e  membro da Fundación Lois Peña Novo.
 
Per loca marítima

XOSÉ BENITO REZA RODRÍGUEZ
(Celanova - Ourense, 1956).
Enxeñeiro superior de Montes. Foi director dos parques naturais Baixa Limia-Serra do Xurés e Invernadoiro (1995-1999); xefe do Servizo Galego de Espazos Naturais Protexidos (1997-1998); xefe do Servizo de Conservación da Biodiversidade (1998-1999); director xeral de Conservación da Natureza da Xunta de Galicia (2005-2009); Foi promotor da Lei de protección da paisaxe de Galicia (7/2008, de 7 de xullo). Foi membro de asociacións especializadas en medio e é membro das asociacións culturais “Amigos do Couto Mixto”, “Curros Enriquez”, “Álvaro das Casas”, “Seminario de Estudios Celanovenses”, etc. É autor de Memorias do Pedal - O camiño portugués a Santiago, de Celanova e o vento, da biografía do poeta Manuel Curros Enríquez, da biografía de Arturo Noguerol Buján e dos libros Vivir en Ancares e Antioquía.